Descripción del proyecto

O Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol convocan a XVII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa


Ferrol, 03 de febreiro de 2021

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol abren a convocatoria da décimo sétima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Pódense presentar candidaturas ao galardón desde hoxe ata o martes 23 de febreiro ás 14:00 horas.

O premio, que leva o nome do cámara ferrolán asasinado en Bagdad no 2003, ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao correo electrónico premiocouso@xornalistas.gal ou a través da páxina web do premio.

Ata as 14:00 horas do 23 de febreiro poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o xoves 25 de febreiro. Entre ese día e as 14:00 horas do martes 30 de marzo, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios e socias do Club de Prensa, poderá votar as candidaturas. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa.

O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezaseis edicións anteriores foron para Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Club de Prensa de Ferrol e Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Bases XVII Premio José Couso 2021