Lydia Cacho, Daria Chultsova e Katerina Bakhválova, a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información e Manuel Rico, candidatos ao XVII Premio Couso
Catro candidaturas concorren ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, na súa décimo-sétima edición: a xornalista, activista e escritora mexicana Lydia Cacho; as informadoras bielorrusas condenadas recentemente a dous anos de cadea Daria Chultsova e Katerina Bakhválova; a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información, que agrupa organizacións e persoas do ámbito xurídico, do xornalismo e dos movementos sociais; e Manuel Rico, actual director de investigación do InfoLibre, cunha longa traxectoria no xornalismo.
As candidatas e candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as catro candidaturas finalistas entre todas as propostas. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol ata as 14.00 horas do 30 de marzo.
SOBRE OS CANDIDATOS
Lydia Cacho
Xornalista, activista e escritora mexicana, denunciou a mafia da pederastia en México, o que a levou a sufrir ameazas, ser secuestrada polo gobernador de Puebla Mario Marín Torres en 2005, e finalmente exiliarse. O pasado 3 de febreiro, Mario Marín, que levaba prófugo dous anos, era por fin detido polas torturas e a detención ilegal de Cacho.
Chultsova e Bakhválova
Daria Chultsova e Katerina Bakhválova son dúas xornalistas bielorrusas de Belsat, condenadas este 18 de febreiro a dous anos de prisión por gravar as manifestacións en Minsk tras a morte dun mozo opositor en estrañas circunstancias. A súa condena significa un paso máis nos ataques do réxime de Belarús, que mantén outros once xornalistas encarcerados, á liberdade de prensa.
PDLI
A Plataforma na Defensa da Liberdade de Información nace en 2014 pola preocupación dun grupo de organizacións e persoas do ámbito xurídico, do xornalismo e dos movementos sociais ante as ameazas aos dereitos de liberdade de información e de expresión en España. Recentemente, foi unha das impulsoras do Manifesto en defensa da liberdade de expresión e creación e o dereito á protesta.
Manuel Rico
Ten unha longa carreira como informador, cun labor profesional e imparcial que lle fixo recibir todo tipo de presións, mesmo chegando aos tribunais. Tense destacado tamén na defensa da profesión, participando da posta en marcha do Colexio de Xornalistas. Na actualidade é o director de investigación do xornal dixital InfoLibre.
As votacións
Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 30 de marzo facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. sinalando o seu nome e apelido, DNI, e número de socio do Club de Prensa. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar co seu usuario e contrasinal na parte privada da sua web. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezaseis edicións anteriores foron para Lorenzo Milá (2020), Defende A Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).