O Club de Prensa de Ferrol é unha asociación cultural, sen ánimo de lucro, que agrupa a un colectivo de socios vinculados aos medios de comunicación.
Foi fundado en 1987, como entidade lúdico-cultural, contando entón cun cincuenta socios, formando a xunta directiva Germán Castro, presidente, Rosa Cal, Carlos Agulló, Rodrigo Ramos Ardá, Beatriz Picos, Xulia Díaz Sixto, José Manuel Orriols e Bernardo Castelo.
Desde entón o club realizou unha intensa actividade. Publicacións, conferencias, exposicións, coloquios..., logrando un gran prestixio, en Ferrol, en Galicia e recoñecido polo mundo cultural como unha das grandes asociacións culturais relacionadas cos medios de comunicación.
O 7 de xaneiro de 2015 recibimos a Insignia de Ouro da Cidade de Ferrol, de mans do alcalde José Manuel Rey Varela.
Ferrol e o Camiño Inglés
Un proxecto do Club de Prensa de Ferrol, beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.
A ruta do Camiño Inglés que parte de Ferrol é un itinerario a Santiago que ata hai pouco non estivo moi recoñecido a pesar de ser un percorrido moi antigo. Ten a singularidade de superar os cen quilómetros, e polo tanto con posibilidade de acadar a “Compostela”. A narración segue unha estrutura semellante ás seis etapas do camiño, polo que partindo de Ferrol continúa polos concellos de Narón, Neda, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Bruma, Ordes e Sigüeiro, rematando en Santiago de Compostela. Unha ruta que nos fai camiñar e desfrutar da esencia de Galicia, a través da súa xeografía marítima, urbana, e rural. Dunha paisaxe na que o mar, os ríos, bosques, pobos, e camiños, falan de nós porque a paisaxe de Galicia é unha paisaxe fondamente humana. O documental amosa e subliña o potencial do Camiño Inglés que hoxe por hoxe é xa, o terceiro dos Camiños Xacobeos en número de peregrinos.