Clausura do curso Carlos Gurméndez tras unha reflexión integral sobre a identidade e Gobernanza de Galicia


Ferrol, 04 de xullo de 2026

Redacción: Nicolás Vidal

Logo de tres intensas xornadas onte 3 de xullo, clausurouse no Campus de Ferrol a 27ª edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez. A cita organizada polo Club de Prensa de Ferrol co patrocinio da UDC, Concello, Deputación e Xunta, pechou o programa que analizou a realidade de Galicia desde varias ópticas. Se logo de tratar temas como a historia, lingua, a Galicia rural e a exterior, teatro, pesca ou cine, na derradeira xornada de onte as directoras do curso, Esperanza Piñeiro de San Miguel e Asunción López Arranz, despedíronse con canda súa palestra.

Esperanza Piñeiro de San Miguel: “Imaxinario popular galego”

Baixo o título “Imaxinario popular galego”, a historiadora Esperanza Piñeiro destacou a necesidade que todo colectivo ten de pertenza a un grupo e de exhibir os seus símbolos e tradicións. Neste sentido, lembrou todo tipo de personaxes que tanto abundan na nosa comarca e tradicións polas que desfilan mouros, sereas, trasnos, lobisomes, moradores das augas ou lugares máxicos na nosa contorna ou en toda Galicia. Para Piñeiro, “os mitos son un xeito de explicar o mundo, a alma de moitas culturas que transmiten valores e a identidade dun pobo”. Tras sinalar a cristianización de moitos ritos pagáns no fondo de moitas tradicións hoxe católicas, Esperanza Piñeiro lembrou a modernización de lendas e tradicións da man de grandes escritores como Cunqueiro ou Begoña Caamaño.

Asunción López Arranz: “Especifidades do dereito galego”

Pola súa banda, a profesora de Dereito Asunción López Arranz fixo unha distendida conferencia verbo das características do dereito foral, ou civil, galego. Arranz alabou un tipo de dereito adaptado aos costumes do pobo galego, recollido hoxe na Lei 2/2006 e que encaixa plenamente na Constitución. Trátase dun dereito centrado en temas como sucesións, herdanzas, propiedade comunal ou patrimonio familiar que, segundo sinalou Arranz, “busca que exista paz” e consolidouse coa práctica, autónomo, ordenado e con forte arraigo. Para a xurista “é un exemplo de paradigma lexislativo que transforma usos e costumes campesiñas para adaptarse a un cidadán do século XXI”.

Clausura da 27ª Edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez”

A cita de pensamento despediuse finalmente coas palabras da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, quen alabou a celebración do Curso Gurméndez que este ano fora “unha viaxe pola Galicia do pasado ao futuro tratando distintos sectores e amosando o orgullo de sermos galegos”. Finalmente, acompañadas polas directoras do curso e a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz, a vicerreitora do Campus, Ana Ares, despediuse poñendo en valor o traballo do Club de Prensa, valorando unha actividade de reflexión aberta á cidadanía e celebrando a colaboración de distintas entidades e administración neste prestixioso curso de pensamento que xa traballa na edición do ano que vén.