Pesca e moita identidade cultural na segunda xornada do Curso Gurméndez


Ferrol, 02 de xullo de 2026

Redacción: Nicolás Vidal

O Curso de Pensamento Carlos Gurméndez, que segue a celebrarse no Campus Industrial de Esteiro, estivo centrado onte na literatura, o cinema e o teatro de Galicia. Da xornada cultural só escapou a conferencia que pronunciou o catedrático de Economía e expresidente da Xunta, Fernando González Laxe.

Fernando González Laxe: “Condutas, racionalidade, lóxicas e conflitos no sector pesqueiro-marisqueiro”

O experto mundial en pesca fixo unha minuciosa análise da situación actual en Galicia e España e avanzou algunhas claves dun sector económico de grande importancia no futuro. Tras incidir na loita que vai haber no planeta polo control do mar, destacou o bo traballo que están a facer China ou incluso Marrocos e Portugal, que teñen, a diferenza de España, un Ministerio do Mar. Tras repasar fitos da lexislación marítima, Laxe púxose do lado dos pescadores acusando as autoridades “dun exceso de burocracia fronte ao olfacto do pescador, que traballa con eficacia e de maneira sostible”. Con respecto a Galicia, cualificou a actual política da Xunta de “continuísmo pasivo” pola súa falta de iniciativas. Con respecto ao futuro, Laxe augurou unha loita polo espazo mariño, grande demanda e un aumento do comercio, unha maior esixencia de información e un ordenamento pesqueiro máis intenso, cun aumento dos produtos do mar de proximidade e relacionados coa saúde. E advertiu para concluír: “As bandexas de peixe vanse impoñer nos supermercados”.

Pilar García Negro: “Unha literatura excelsa no contexto dunha lingua sen normalidade”

A xornada comezara anteriormente coa palestra da sociolingüista Pilar García Negro acerca da lingua e da literatura galegas ao longo da historia. Tras loar o traballo de dous ilustres ferroláns, Carvalho Calero e Francisco Rodríguez, cifrou “a que está escrita en galego como literatura galega. Escribir en galego non é igual a un galego que escribe”. A continuación, García Negro tratou de definir unha lingua “normal” como ubicua, interclasista, autosuficiente, autorrenovable e multifuncional, para facer un percorrido desde o tránsito do latín ao galego falando dos séculos XIII e comezos do XIV como dunha etapa de normalidade do galego, cando era lingua de “reis, emperadores, bispos e funcionarios”, acompañada dunha espléndida literatura. Os problemas do galego nacen coa dinastía dos Trastámara e continúan nos seguintes séculos, chamados “escuros”. Para García Negro, o xenio do pobo e o talento refúxianse na arte popular oral, que vai das cantigas ao teatro, “con moita calidade”. Así ata a revolución do Rexurdimento liderado por Rosalía, que canda Pondal e Curros “dignifican o galego cun pacto implícito co seu pobo”. Tras debullar os populares poemas “Negra sombra” e “Os pinos”, letra do himno galego, a sociolingüista lembrou o papel das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, así como o de Castelao ou Carvalho Calero, “para dignificar a nosa lingua”.

Alberto Sucasas: “Vidas paralelas. Óliver Laxe e Lois Patiño”

Ademais de lingua e literatura, houbo un espazo para o cinema da man do profesor e filósofo Alberto Sucasas, que entre 2016 e 2023 foi o director do Curso Gurméndez. O conferenciante elaborou, a xeito das “Vidas paralelas” de Plutarco, un percorrido cheo de semellanzas entre o cineasta vigués Lois Patiño e Óliver Laxe, nado en París pero de familia e residente en Navia de Suarna. Analizando as catro longametraxes dos dous directores galegos, Sucasas trazou vínculos como “cineastas da paisaxe influídos pola pintura, a importancia da viaxe e unha espiritualidade que suxire que no mundo real hai unha dimensión do divino, do sagrado”. De Patiño dixo que era un cineasta do mar e da auga, mentres que Laxe sería da montaña, atendendo ambos as súas orixes. Para rematar, Alberto Sucasas proxectou escenas de dúas películas de ambos, “O que arde”, no caso de Laxe, e “Ariel”, no de Patiño.

Francisco Oti: “Teatro e identidade no espazo político e social de Galiza”

Xa polo serán, o teatro e a música protagonizaron o curso. No primeiro caso, o dramaturgo e académico Francisco Oti, discípulo de Manuel Lourenzo, segundo a súa presentadora, Ángeles Seoane, falou do papel tan importante do teatro en Galicia para a normalización do idioma “desde finais do século XIX ata o traballo das Irmandades”. Tras o desastre franquista, a recuperación e modernización a partir dos anos 70 foi destacada por Oti ata a actualidade, coas eivas e atrancos dun teatro que tiña unha forte carga política e compoñente de servizo público. O dramaturgo cabanés falou das enormes posibilidades hoxe dun teatro non sempre entendido polos políticos que deberían defendelo, pero con oportunidades desde o colectivo ao terapéutico e “clave para marcar a identidade dun pobo”.

María Manuela e Xoán Rubia

Finalmente, a xornada pasou á música cun breve concerto de María Manuela e Xoán Rubia, acompañados do guitarrista Daniel Adzemian. Antes de interpretar pezas como “A Rosalía”, “Alecrín” ou “Negra sombra”, Rubia lembrou a importancia da música na identidade de Galicia e evocou, canda María Manuela, cando “non hai tantos anos”, cantar en galego “podía supoñerche a censura, multas, o paso pola comisaría ou o exilio”.

Xornada final

Na xornada final de hoxe do Curso Carlos Gurméndez falarán as súas directoras. A historiadora Esperanza Piñeiro de San Miguel tratará, a partir das 10:00 horas, o tema do “Imaxinario popular galego”, e a continuación será a profesora de Dereito Asunción López Arranz, quen disertará verbo da “Especificidade do dereito galego”. O acto de clausura contará coa presenza da vicerreitora do Campus, Ana Ares, e da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.