Festa da Caricatura

A primeira edición da Festa da Caricatura, ten lugar en xullo de 2015, por iniciativa do presidente do Club de Prensa de Ferrol. Esta festa da cabida a diferentes exposicións, conferencias e demostracións en directo por parte de varios caricaturistas profesionais na que destaca a obra de José María Cao Luaces, galego que emigrou a Buenos Aires e converteuse no patriarca da caricatura argentina.

O Club de Prensa de Ferrol deuno a coñecer en 2014, durante o Curso Gurméndez, a través dunha exposición en Afundación, un catálogo coa biografía escrita por Mauricio Neveleff, e un estudo crítico de Siro López. Con el, figuran nesta mostra as grandes figuras da caricatura galega na II República -Castelao, Cebreiro, Fernández Mazas, Huici, Maside- cos que se deron a coñecer na postguerra -Quesada, Siro- e os das xeracións seguintes: Carlos Silvar, Sendero, Miguelanxo Prado, Omar, Santy, Pinto & Chinto, Sex, Aguilera, Abraldes e Toni. A esta mostra uniuse o caricaturisista portugués Vasco Gargalo.

Edición 2015

Convocado o Certame de Caricatura "Cidade de Ferrol", coas bases publicadas, preséntanse 72 caricaturistas de varios países europeos optando ao premio. O xurado, composto por Siro López, debuxante e presidente do Club de Prensa; o escultor Ferreiro Badía e o ilustrador David Pintor, seleccionou as obras de dezaseis caricaturistas: Abraham Sendero, Aldeguer, Almarza, Berrondo, Carlos Silvar, El Juan Pérez, Gargalo, Gio, Gogue, Leandro, Moisés, Omar, Onofre, Santiagu, Savín Anca y Sindo Vázquez, obras que se expuxeron a partir do día 22 e até o día 30 na sede de Afundación en Ferrol, como finalistas que optan ao premio. Os visitantes puideron mostrar as súas preferencias votando o debuxante que estimaron merecedor do premio, e a súa decisión foi valorada como un voto polo xurado.

O día 23, na Galería Sargadelos, Siro López impartiu unha conferencia titulada "Que é unha caricatura", ilustrada con abundantes imaxes. Entre elas as dos finalistas, dos que foi explicando as súas características e peculiaridades. A charla foi acompañada dalgúns exemplos prácticos do desenvolvemento dunha caricatura, como duns poucos trazos pódese recoñecer a figura dunha determinada persoa.

O domingo, día 26, os caricaturistas galegos Abraldes, David Pintor, Leandro e Kiko da Silva, e os portugueses Onofre Varela e Santiagu, realizaron de 12 a 14 caricaturas, de forma gratuíta, ás persoas que se achegaron a eles para velos traballar no Parador de Turismo, Galería Sargadelos e cafetaría Avenida.

Ese mesmo día fíxose público o fallo do xurado que, por unanimidade, premiou a obra de Leandro Barea, autor de dúas espléndidas caricaturas de Gonzalo Torrente Ballester y Jean Paul Sartre.

Edición 2016

En maio de 2016 convocábase a segunda edición do Certame de Caricatura "Cidade de Ferrol". Nesta nova edición, establécense dous premios, Premio Juan Carlos Alonso, de 1000€ para categoría maiores de 20 anos e Premio Álvaro Cebreiro de 600€ para menores de 20 anos. O obxectivo do concurso sería a realización de dúas caricaturas, unha do escritor ferrolán Ricardo Carballo Calero, e outra de libre elección. O prazo de presentación de traballos finalizaría o 15 de xullo de 2016.

Como novidades, recupérase a figura do artista ferrolán Juan Carlos Alonso (1886-1945), que chegou a ser considerado pola crítica o máis orixinal caricaturista de Sudamérica. Durante o mes de xullo preséntase en Afundación, en Ferrol, unha ampla antoloxía da súa obra, que permitirá coñecer o labor de ilustrador, viñetista, retratista e, especialmente, de caricaturista, que tanto prestixio lle deron no mundo. Durante o mes de xullo celebráronse mostras de caricatura de Juan Carlos Alonso e dos finalistas nos certames, conferencias, para finalizar cunha exhibición de caricaturistas galegos e portugueses.

O coruñés Álvaro Cebreiro, o máis cualificado caricaturista dos moitos que brotaron en Galicia, baixo o maxisterio de Castelao, estivo vinculado a Ferrol pola amizade que mantivo con numerosos intelectuais como o pintor Imeldo Corral, o primeiro alcalde Xaime Quintanilla, ou o pintor e profesor Xosé Leyra Domínguez.

O programa dos actos foi o seguinte:

  • Día 1 de xullo, inauguración da exposición de caricaturas de Juan Carlos Alonso, (Ferrol, 1886-Buenos Aires, 1945), un dos grandes caricaturistas galegos na emigración. Chegou a dirixir a revista bonaerense Caras e Caretas. Lugar, sede de Afundación en Ferrol..
  • Día 6 de xullo, inauguración dunha mostra de caricaturistas galegos. Lugar Galería Sargadelos, Ferrol.
  • Día 8 de xullo, conferencia de Siro López sobre Juan Carlos Alonso. Lugar Galería Sargadelos, Ferrol.
  • Día 13 de xullo, demostración de elaboración de caricaturas, con Leandro Varela. Lugar Galería Sargadelos, Ferrol.
  • Día 16 de xullo, presentación das obras que optaban aos premios Juan Carlos Alonso e Álvaro Cebreiro, para caricaturistas profesionais ou afeccionados, convocados ese ano..
  • Día 26 de xullo, deuse a coñecer o fallo do xurado e os nomes dos gañadores desta segunda edición.
  • Día 31 de xullo, un grupo de caricaturistas realizaron caricaturas aos asistentes, na galería Sargadelos e no Parador de Turismo de Ferrol.