Bases da XVII Convocatoria
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), creado pola Lei do Parlamento Galego 2/99 do 24 de febreiro e o Club de Prensa de Ferrol, convocan a décimo sexta edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
José Couso foi disparado o 8 de abril de 2003 mentres realizaba o seu traballo para os informativos de Telecinco. No mesmo ataque faleceu o tamén cámara ucraíno Taras Protsyuk. Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.
O XVII Premio José Couso de Liberdade de Prensa rexerase polas seguintes bases:
- Calquera organización ou profesional da comunicación viva, que se destacara en defensa da liberdade de prensa, pode ser proposto para o Premio José Couso.
- Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta argumentada de candidato para o Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada de forma demostrable ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura.
- As candidaturas deben incluir a seguinte documentación:
- Memoria que conteña as razóns para apoiar dita candidatura (mínimo dun folio, máximo de catro).
- Currículum Vitae do candidato ou traxectoria da organización (mínimo dun folio, máximo de catro).
- A candidatura pode ir acompañada, de ser necesario, por outros tipos de material de apoio e, en xeral, por calquera documento que achegue datos relevantes e información adicional. Esta información poderá ser incorporada á web do Premio. Non se admitirán candidaturas que non inclúan a documentación anteriormente sinalada.
- As candidaturas serán enviadas por correo electrónico a premiocouso@xornalistas.gal. ou a través da sua páxina web. Deberá ir perfectamente identificada a persoa ou entidade que propón a candidatura e un número de teléfono de contacto para as comprobacións pertinentes.
- As candidaturas deberán presentarse necesariamente antes das 14:00 horas do martes 23 de febreiro.
- Non serán admitidas as candidaturas que non cumpran cos anteriores requisitos. A documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela. O Secretario do CPXG e do premio levantará acta sobre as candidaturas recibidas e entregadas, xunto coas mesmas, á organización. A comisión fará oficiais e públicas -na web do Premio e na sede do CPXG- as candidaturas o xoves 25 de febreiro.
- A Xunta de Goberno do CPXG e a Directiva do Club de Prensa de Ferrol nomearán unha comisión específica para o certame na que estarán representados, como mínimo, o presidente, vicepresidente e secretario do premio. Esta comisión é o máximo órgano de decisión do premio e os seus ditames non admiten recurso algún. A comisión será a encargada de aprobar as candidaturas presentadas e de decidir o número de candidaturas finalistas do premio, que serán sobre as que votará o xurado. Non poderá haber máis de catro candidaturas finalistas.
- O xurado do Premio José Couso está constituído por todos e cada un dos colexiados do CPXG e socios do Club de Prensa de Ferrol que teñan ao día o pagamento das súas cotas de asociados. Cada entidade participante é responsable de ter ao día e verificar o seu censo. O Decano do CPXG, a Presidenta do Club de Prensa e o secretario do CPXG ostentarán, respectivamente, a presidencia, vicepresidencia e secretaría do xurado.
- O xurado poderá votar única e exclusivamente a través de internet. A votación electrónica realizarase entre os días 25 de febreiro e ás 14:00 horas do martes 30 de marzo na páxina web do premio. Os colexiados e colexiadas do CPXG realizarán o seu voto a través da intranet da web do CPXG. Os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol realizarán o seu voto enviando un mail co seu candidato a premiocouso@xornalistas.gal. Deberán enviar a súa elección e incluír os seus datos persoais (nome, DNI e número de asociado). O voto non será válido se os datos non foran correctos. Só se aceptará un voto procedente da mesma conta de correo electrónico. O Secretario do CPXG levantará acta dos votos recibidos, quen os contará atribuíndollos a cada un dos candidatos. O Premio seralle concedido ao candidato que obteña a maioría dos votos. En caso de empate, o presidente do xurado disporá de voto de calidade. Este procedemento será supervisado por un notario, quen levantará acta do resultado.
- O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.
- O fallo do xurado darase a coñecer en rolda de prensa.
- A participación no certame implica a aceptación destas bases, depositadas ante notario.