Xoán Rubia presentou o seu novo libro “O Practicante rural” no Torrente Ballester de Ferrol
O pasado martes día 11 tivo lugar no Centro Cultural “Torrente Ballester” de Ferrol a presentación do libro de Xoán Rubia O Practicante rural editado por Galaxia coa participación, ademais do autor, do edil de Cultura do Concello de Ferrol Xosé Ponte Far, da presidenta do Club de Prensa de Ferrol Xulia Díaz, da profesora de literatura Ánxeles Seoane, do director de edicións de Galaxia Xesús Domínguez e do Secretario Xeral de Política Lingüística Valentín García.
Na súa intervención Ponte Far fixo fincapé no acerto que tivo o autor ao contar esta historia en terceira persoa mantendo así certa distancia entre o narrador e o protagonista. Xulia Díaz falou da faceta artística de Xoán no referente a súa actividade musical e a súa longa traxectoria como colaborador, cunha achega semanal, no xornal Diario de Ferrol dende hai máis de vinte cinco anos, salientando que Xoán Rubia, está a reflectir unha realidade especificamente galega, utilizando a linguaxe e o relato. Ánxeles Seoane referiuse ao estilo narrativo empregado por Xoán e a influencia que en todo isto puido ter a actividade musical do autor como compositor de cancións. Xesús Domínguez dixo que o libro o trasladou a súa infancia e que á editorial interesoulle a temática documental do mesmo. Valentín García referiuse a que houbo médicos escritores como Pondal, Castelao, Leiras Pulpeiro, etcétera, que escribiron obras que non se referiron a súa profesión de facultativos. En 1992 publícase un libro do médico Manuel Reimóndez Portela Un médico na aldea no que si quedan reflectidas un feixe de situacións e anécdotas propias do exercicio dun médico rural. O de Xoán pode que sexa a primeira achega dun “practicante” a este campo argumental. A presentación de O Practicante rural cumpriu coas previsións máis optimistas.