Vicente Araguas Presentou o seu último libro de relatos “ O lugar onde vou”
Onte no Ateneo Ferrolán tivo lugar a presentación do libro “O lugar onde vou”, (Galaxia) do escritor Vicente Araguas. O acto organizado polo Club de Prensa de Ferrol foi presentado por Xoán Rubia e contou con numeroso público interesado na obra do escritor de Xuvia-Neda.
Foi en certo modo un acto moi distendido porque máis que unha presentación consistiu nun partillar conversa con Vicente Araguas, un expor conceptos e un abrir pistas sobre os quince relatos que aparecen en “O lugar onde vou”, e unha animada palestra cos asistentes ao acto, moi interesados en coñecer como Araguas chegara a escribir uns relatos sobre unha realidade, e outros máis que improbables saídos directamente da súa capacidade creativa. Unha presentación que se saíu do canon das presentacións tradicionais.
A literatura de Araguas, unha simbiose entre prosa e poesía, transcende ao seu marabilloso mundo de Xubia-Neda e ó do Estaleiro (Ferrol), ou o de Morgados (Mugardos). O seu singular sentido do humor, sempre presente, non impide que os seus relatos pódanse encher de misterio, de terror ou doutras circunstancias singulares. Un estilo narrativo que a maior parte das veces, mergúllanos nun gozo para os sentidos, xa que practicamente podemos ver, ouvir e ata case ulir a escena que nos está a describir. Puidémolo experimentar no relato ao que o propio autor deu lectura e que ten lugar nun bar do barrio ferrolán do Caballo Blanco.