A Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla en Conversas no Parador “As Enxeñarías son unha fortaleza para o Campus de Ferrol”
A Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social de UDC, Mª Jesús Movilla Fernández participou hoxe no encontro informativo “Conversas no Parador” que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol en colaboración co Parador de Turismo de Ferrol. A Vicerreitora en funcións estivo acompañada por responsables de docencia e xestión das diferentes áreas do Campus de Ferrol e numerosos profesores, que testemuñaron coa súa concorrencia o apoio e recoñecemento á xestión realizada pola Vicerreitora e Investigadora Mª Jesús Movilla.
Foi un acto emotivo con recendos de “celebración de fin de curso”, no que a Vicerreitora foi saudando e agradecendo o apoio recibido ao longo da súa xestión por diferentes persoas, entre as que figuraban a Directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña e próxima Vicerreitora, Ana Isabel Ares; a Vicexerenta, María Jesús Caínzos; Anne Gosset, Directora Técnica do CITENI e o seu Director Científico, Armando Yáñez; Vicente Díaz, Director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e outros compañeiros presentes entre os que figuraban profesores da Facultade de Enfermería e Podoloxía, a súa Decana, Emma Rodríguez Maseda; Andrés Piñón, antigo Director da Escola Universitaria Politécnica, comisionado no proceso de integración das Escolas; A profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción López Arranz, e outros e outras profesoras presentes no acto.
Mª Jesús Movilla ofreceu un balance-reflexión sobre os último catro anos nos que ocupou o cargo e que iniciara en xaneiro de 2020, dous meses antes do confinamento pola pandemia tras da cal houbo que pasar por un proceso de adaptación a novas formas de enfocar os catro grandes fitos que tiña planeados para a miña xestión, e cambiar de escenario.
Eses grandes fitos eran: a Integración das dúas Escolas; abordar a acreditación do Campus Industrial de Ferrol como Campus de Especialización; a reorganización e optimización dos espazos; e a actualización da oferta de títulos. Un proceso para o que houbo que cambiar totalmente de escenario, e houbo que abordalo desde outras formas de traballar.
Nesta nova situación, con reunións online, tanto Armando Yáñez, director da Escola Politécnica Superior, como Andrés Piñón, director da Escola Universitaria Politécnica, sempre se manifestaron a favor de seguir adiante. Nunha primeira fase trasladouse a docencia, despois a investigación, e da aí pasouse á integración das Escolas, pero subliñou “non de calquera maneira”. Por iso cando “nos incorporarnos á presencialidade e poñemos en marcha as obras dos laboratorios e de organización de espazos, encontrámonos, como toda a sociedade, cun incremento do 35% do coste dos materiais, con dificultades para encontrar equipamento, e con retrasos na entrega de materiais para as obras e que o equipo foi resolvendo os problemas mentres paralelamente se ía avanzando no proceso administrativo”. Nisto houbo unha preocupación importante, era a da integración porque “ademais de integrar espazos, había un sentimento de identidade e pertenza e tamén había que integralos”. Outro tema de estudo e de análise pola cuestión da identidade, foi o nome do novo centro, polo que atendendo a esas premisas, “optamos por Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol”.
O novo curso académico comezou no 2021-2022, aínda que faltaban espazos. Uns espazos que para conseguilos, segundo afirmou María Jesús Movilla, “tamén houbo axuda porque o Campus de Ferrol é moi apoiado pola contorna, é apoiado pola Armada, o Concello de Ferrol, Navantia, a Empresa e a Industria que está ao redor” pois engadiu “xa a anterior Vicerreitora, Araceli Torres, que foi excepcional e que estivo ao fronte do Campus oito anos, conseguira da Armada a concesión do antigo edificio da Residencia de Batallóns á Universidade da Coruña", e alí “se construíu o edificio Batallóns Servizos Universitarios no que tras a rehabilitación, está sendo utilizado con despachos de profesorado, nun concepto aberto, e por investigadores do CITENI”.
A vicerreitora Movilla, referiuse tamén ao novo edificio de investigación que se vai construír no solar que tamén se conseguira en tempos da Vicerreitora Araceli Torres e que está situado fronte as facultades de Enfermaría e Podoloxía e de Ciencias do Traballo, ao que definiu tras a súa construción como un "verdadeiro pulmón, porque vai permitir osixenar espazos e adaptalos ás necesidades dos investigadores e investigadoras, tamén para que estes equipos poidan medrar".
Con respecto á oferta de títulos nestes catro anos, convén sinalar que os esforzos do equipo de titulacións se centraron en poñer en valor o Campus de Ferrol, no aspecto da súa especialización en Campus Industrial. Era necesario reforzar o Campus de Ferrol coa súa acreditación de Campus Especial. Sinalando que na oferta de títulos, existen criterios economicistas que priorizan un mínimo de matriculacións. Existían, o Grado de Xestión de Moda e estaba comezando o Grado de Relacións Internacionais, pero as enxeñarías son unha fortaleza para o noso Campus, como foi a da integración das Escolas, e que a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol alcance o nivel que hoxe ten en toda España.
Un balance positivo é unha fermosa e fraternal despedida como Vicerreitora á Mª Jesús Movilla que se fixo patente nas Conversas no Parador deste mércores 10 de xaneiro.