“O lugar onde vou" a nova obra de Vicente Araguas presentarase o xoves 28 de decembro no Ateneo Ferrolán


Ferrol, 27 de decembro de 2023

Mañá xoves 28 de decembro ás 19 horas o Club de Prensa de Ferrol presentará o libro, “O lugar onde vou" (Galaxia), a nova incursión na narrativa breve de Vicente Araguas.

"O lugar onde vou" é un mangado de relatos, como unha boroa encetada polo que dá nome ao libro. Uns contos que se moven entre a realidade, debidamente ficcionada, e a fantasía. Entre o amor e o humor, sen que se deixe de notar internadas no terreo do "thriller" ou, abertamente, do horror. Desta maneira, fala de medo, e de bares onde, ao non pasar nada, pasa de todo, de casas grandes que ven, sen poder facer nada, como as mulleres se descolgan dos cadros, de parellas dispares en idade que falan de raíñas consumidoras compulsivas de arroz con leite.

Araguas bota a andar unha pluma que ten cousas de corazón tan desbocado como o dos cómplices dunha editora “indie” desbordados pola chea de libros de poemas que reciben, ou da estatua inca que vinga o seu posuidor dos arrebatos celosos da súa amada; hai gatos que falan e cans que bolen na neve e mancos que escriben con idéntica pericia á do Caldeireiro, urbanista anglófilo na Nebia de 1866. Un festival de maneiras de querer, de ir mirando como a vida acontece, de realismos extracorpóreos e de corpos que liscan alén da realidade, o deste libro de relatos, que fai debutar o autor en Editorial Galaxia.

Un libro sabedor e sabido que demostra os azos dun autor xa serodio, poeta, narrador, ensaísta e crítico literario. No acto de presentación no que colabora o Ateneo Ferrolán, Vicente Araguas, estará compañado por Xoán Rubia.