Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega nas Conversas no Parador
Este xoves 10 de abril e coa asistencia da Presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, celebrouse un novo encontro informativo das “Conversas no Parador” que o Club de Prensa de Ferrol ven organizando no citado centro hostaleiro.
Rosario Álvarez estivo acompañada polo Concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far, a Concelleira do PSdeG, Monserrat Dopico, o Presidente de Honra do Club de Prensa de Ferrol, Germán Castro, o Director do Parador de Ferrol, José Antonio Cedena e Marcelino Fernández do Consello da Cultura.
Na súa presentación a presidenta da entidade ferrolá, Julia Díaz, lembrou a D. Ramón Piñeiro, primeiro presidente do CCG, sinalando que tamén participara na primeira edición da Revista Oral que o Club de Prensa botara a andar en 1987, como unha das súas primeiras actividades culturais, cuxo desenrolo deixara moi boa impresión ao ilustre galeguista.
A Presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), comezou a súa intervención recollendo a referencia a Ramón Piñeiro, destacando a súa capacidade acolledora para todos os que tiñan actitude de interese e compromiso pola lingua e cultura galega, xa que ela mesma fora unha das “acollidas” por Piñeiro para facer a Gramática Galega de Galaxia naqueles tempos, nos que había tan poucos estudos, polo que puxéronse a facer a Gramática da Lingua Galega con Xosé Xove. Tamén e con respecto á súa incorporación ao Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez comentou que cando se cumpriron os 40 anos da existencia do CCG , descubriu que ela fora a primeira muller, que se incorporara á Institución non ao Plenario, senón á primeira Comisión que daquela se chamaba “Ponencia da lingua”, que creara precisamente Ramón Piñeiro. Continuou logo a súa intervención facendo un percorrido pola xénese, composición, funcionamento da institución e a súa acción actual do CCG.
Carácter Estatutario e Independente da institución
A presidenta lembrou que o Consello foi creado no ano 1983, por unha das primeiras leis do Parlamento Galego, cumprindo un mandato do Estatuto de Autonomía. “Somos o primeiro dos tres Órganos Estatutarios, a sede localízase en Santiago de Compostela, e ocupamos un lugar temporal, e deseguida, non dan un lugar emblemático que é no Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro”, aludindo ao seu simbolismo, como o centro de Galicia, é o lugar para a cultura galega, sinalando dese xeito a centralidade que no marco de acción do autogoberno ten a Cultura Galega. Insistiu en que “a identidade galega baséase sobre a súa lingua e a súa cultura, todo o que atinxe á sociedade, porque desde a propia lei a cultura é un dereito. O dereito á transmisión, e a cultura non é só humanística, tamén é científica e tecnolóxica, e non actúa so no territorio , porque nos temos unha gran diáspora por todo o mundo que crea e fai cultura galega”.
Composición do CCG
Con respecto á súa composición, explicou que conta cunha rede de algo mais de 200 colaboradores, entre os que se inclúen os membros do Pleno, Seccións, Arquivos e Comisións técnicas, e que están en permanente remuda. “Todos os membros teñen unha permanencia máxima de oito anos” detallou. Ademais, tamén explicou que a día de hoxe existe paridade na súa composición.
Actividades
No marco da súa intervención fixo unha panorámica das actividades desenvolvidas pola institución, das que a metade se realizan fóra da sede. Tamén referiuse á variedade de formatos (xornadas, exposicións, publicacións, especiais web…) que atenden a diferentes ámbitos.
Carácter asesor
Sobre o carácter asesor, sinalou que entre as competencias figuran entre outras as “asesorar e consultar os poderes públicos da Comunidade Autónoma, especialmente a Xunta e o Parlamento de Galicia, mais tamén as deputacións e concellos, e outras institucións” e lembrou que a institución realiza desde informes BIC, informes de impacto ambiental ata estudos específicos sobre a cultura (actualmente están en marcha, entre outros, un sobre o turismo cultural de Galicia e outro sobre a lingua). Mencionou varios informes, entre eles o Informe da Cultura Galega, ou o da situación da música e o Informe para solucionar o problema da lingua.
Xa na rolda de intervencións dos xornalistas e consultada sobre diversas cuestións, sobre a declaración da cheminea das Pontes como Ben de Interese Cultural (BIC) , na que o Consello Da Cultura foi consultado, a presidenta sinalou que o distintivo “non se entende para elementos particulares”, e consideraba que “debería entenderse para elementos mais grandes”, pero entendía que podería exporse, si se ampliaba o ámbito que opta a este recoñecemento, porque a delimitación “vai en contra do pensamento que hai detrás do BIC”, sinalou a presidenta.