“Os nove anos de Fraguas en Lugo”, no Ateneo Ferrolán
desde o luns 2 de setembro


Ferrol, 29 de agosto de 2019

O Club de Prensa de Ferrol en colaboración co Colectivo Egeria de Lugo, presentará o vindeiro luns 2 de setembro no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas a exposición do proxecto "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO".

Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle, textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da fonda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que despois de mostrarse no Instituto Lucus Augusti (do que Fraguas foi profesor), comeza a súa itinerancia no Instituto Rosalía de Castro de Santiago, onde Fraguas tivo a súa cátedra.

A exposición “OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO”, forma parte das homenaxes que desde numerosas entidades culturais galegas se ven tributando ao escritor, xeógrafo e intelectual galego con motivo de serlle dedicado este ano 2019 o DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Unha homenaxe á que se suma o Club de Prensa de Ferrol da man do Colectivo Egeria e o Ateneo Ferrolán.