A exposición “Os 9 Anos de Fraguas en Lugo” permanecerá no Ateneo Ferrolán ata o 9 de setembro


Ferrol, 02 de setembro de 2019

Ante un nutrido público asistente, tivo lugar no Ateneo Ferrolán a inauguración da exposición itinerante “Os nove anos de Fraguas en Lugo” que forma parte do proxecto do colectivo Egeria. O acto foi promovido polo Club de Prensa de Ferrol, cuxa presidente salientou a xenerosa colaboración do colectivo e do seu presidente Xulio Xiz. Sinalou tamén que esta exposición era "Unha fermosa forma de que a inmensa aportación de Antón Fraguavs á cultura de Galicia, siga espallándose e coñecéndose por todos os lugares e todas as xeracións galegas".

O presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz, deu conta aos presentes de como xurdira o proxecto, destacando a ilusión e dedicación de Manuel Regueiro Tenreiro e lembrando a Fraguas na etapa en que fora o seu profesor. Avelino Martínez, parente de Antón Fraguas, tomou a palabra para agradecer en nome de toda a familia as mostras de agarimo e recoñecemento que se e están a tributar a Fraguas. O concelleiro de cultura Antonio Golpe, enmarcou a cordialidade do acto lembrando o irmanamento da cidade de Lugo e Ferrol, e sinalando a disposición da Concellería de Cultura para impulsar toda a actividade cultural ferrolán, e o compromiso de traballo para que a cidade homenaxea como se merece a Carballo Calero, no seu merecido Ano das Letras Galegas.

Pechou o acto o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, quen despois de valorar a acollida e atención pública que está tendo o proxecto da exposición e o libro sobre “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, convidou ao concello e demais institucións e entidades culturais ferroláns a traballar conxuntamente para a homenaxe a Ricardo Carballo Calero, nomeado polo RAG coas Letras Galegas 2020.

A exposición estará aberta ata o 9 de setembro no 1º andar do Ateneo Ferrolán.

Foto: CPF. Na Imaxe, de esquerda a dereita: O parente de Fraguas, Avelino Martínez; a presidenta do CDPF, Xulia Díaz; o Concelleiro de Cultura, Antonio Golpe; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o Presidente de Egeria, Xulio Xiz.