O Futuro de Europa a debate na 22ª Edición do Curso de Pensamento Carlos Gurméndez
Baixo a lema “Laberinto Europeo” o seminario conta coa presenza de Enrique Barón Crespo, ex-presidente do Parlamento Europeo. Ao longo de tres xornadas o curso aborda o pasado, presente e futuro de Europa coa colaboración de expertos internacionais
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración do 22º Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez que se celebrará durante tres xornadas no Campus Esteiro de Ferrol. Canda el participaron a Vicerreitora da UDC no Campus de Ferrol, Araceli Torres, o presidente de honra do Club de Prensa, Germán Castro, o director Académico do Curso, Alberto Sucasas, a coordinadora do mesmo, Esperanza Piñeiro e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz.
Baixo a lema “Laberinto Europeo”, a edición deste ano céntrase no pasado, presente e futuro de Europa coa colaboración de expertos internacionais como Enrique Barón Crespo, expresidente do Parlamento Europeo e actual presidente da Unión de Europeístas e Federalistas de España, encargado da apertura do curso coa conferencia UE: os desafíos da nova lexislatura. Ademais, entre os relatores que participan na xornada de hoxe, tamén están Artak Mkrtichyan, secretario académico do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madriaga, que ofreceu a charla A cidadanía europea, e José Luís Castro de Paz, catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, quen versou sobre, Forma e dor: as feridas do século no cinema europeo.
As actividades continuarán mañá xoves 4 de xullo, coas conferencias Cidadáns marca Europa: Financiamento ou Emoción, impartida por Cristina Couto, xefa de equipo de Europa Direct; O xudaísmo e Europa, de Alberto Sucasas, profesor de Filosofía da Universidade dá Coruña, e Os muros europeos contra a inmigración, ofrecida pola xornalista María Martín Delgado. A xornada finalizará coa intervención da profesora honoraria e catedrática de historia da UDC Carmen Fernández, que abordará As revolucións liberais europeas.
O Curso Carlos Gurméndez finalizará o venres 5 de xullo. Este día, Delia Manzanero, profesora de Filosofía da Universidade Rei Juan Carlos de Madrid, abrirá a xornada coa charla A dimensión europeísta do krausismo e a súa actualidade. Posteriormente, José Manuel Blanco, subdirector xeral de Análise e Programación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, ofrecerá a conferencia Fondos da UE para incrementar a fecundidade e paliar o envellecemento. Xa pola tarde, clausurarán o seminario Martín Alonso Zarza, doutor en Ciencias Políticas, e Manuel Barrios, catedrático de Metafísica da Universidade de Sevilla, que ofrecerán os relatorios De Weimar ao Brexit: eixos narrativos da gramática nacionalpopulista e Literatura e Identidade europea respectivamente. O Curso está dirixido por Alberto Sucasas, coordinado por Esperanza Piñeiro, respectivamente, e promovido polo Club de Prensa de Ferrol co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación provincial da Coruña e da Universidade da Coruña.