O senador e precandidato a alcaldía de Ferrol, Ángel Mato, nas “Conversas no Parador”


Ferrol, 29 de outubro de 2018

O senador ferrolán Ángel Mato considera ao Concello unha peza crave para dar resposta a moitos dos problemas que sofre a cidade aínda que non dependan exclusivamente da administración local. Por iso, os problemas máis importantes como o desemprego ou despoboamento, poderían mellorar cunhas políticas impulsadas desde o Concello e con proxectos a medio prazo e baseados no consenso.

Mato que participou o luns 29 de outubro nas “Conversas no Parador” que ven organizando o Club de Prensa, ademais de dar a súa visión sobre as necesidades cruciais da cidade, achegou tamén motivos para o optimismo, en sectores como a industria do naval, o campus, a sanidade ou Defensa como alicerces. Neste sentido, anunciou que o plan industrial de Navantia está moito máis preto do que parece, e afirmou que “antes de fin de ano” asinarase o programa de fragatas F-110 que permitirá a súa construción por parte dos estaleiros ferroláns. Ademais, explicou, “vinculado a este contrato e ao plan industrial están garantidas os investimentos no estaleiro” para a súa modernización e conversión en Estaleiro 4.0, co que Navantia obterá novas posibilidades para competir con mellores condicións, con outros países.

Con respecto ao CHUF (Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol) apuntou que é urxente o investimento de 60 millóns ademais de completar o persoal e manter a sanidade modélica da que se dispón. O campus industrial é outra gran oportunidade na que Ángel Mato considera que o Concello debe pórse a disposición e facilitar o desenvolvemento do mesmo.

Traballar para potenciar o patrimonio histórico de Ferrol e pór en valor a base naval, coa ampliación das escolas de especialidades son outros puntos fortes nos que Mato cre que o Concello debe intervir para lograr a súa consecución.

Xa a nivel máis local, Mato "que se presenta como candidato nas primarias do PSOE" falou de necesidades básicas para sacar a Ferrol do estado no que se atopa, tales como a mellora da contorna urbana “cunha planificación urbanística consensuada", a mellora do litoral e o rural con servizos básicos como o saneamento, a preservación do patrimonio, ademais de proxectos ineludibles como o futuro do Sánchez Aguilera “non concibo o único aproveitamento como “leira parking” ou a depresión das Pías.

A reclamación a outras administracións de cuestións básicas como a mellora de comunicacións é tamén tarefa municipal, como indicou Mato, que sinalou que Ferrol debe potenciar o seu gran valor, que non é outro que a "moi boa calidade de vida que se pode conseguir con melloras que non dependan dos cambios de goberno".

Na imaxe do CPF, de EaD: Manuel Couce Pereiro, Xulia Díaz Sixto, Ángel mato Escalona, José Antonio Cedena e Miguel García Corral.