Xavier Alcalá presenta no Ateneo Ferrolán a súa última novela "The Making Of"
O luns 1 de outubro no Ateneo Ferrolán, o escritor Xavier Alcalá presentou a súa última novela "The Making OF". O acto, organizado polo Club de Prensa, contou coa presencia do director da Editorial Galaxia, Francisco Castro e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz.
"The Making Of", é toda unha declaración de intencións que nos pon nas claves de como se fixo, por que se fixo, a procura da documentación da novela, e a novela mesma. Unha obra na que se condensan dúas historias, que dan corpo a "The Making Of" e que se comprimen en 488 páxinas nas que ao traveso do relato, temos a crónica das vivencias e influencias que a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial, causaron en Arxentina e nas xentes da emigración naquel territorio. Para dar conta de todo isto neste número de páxinas , Xavier Alcalá, utiliza unha técnica narrativa moi intelixente e non doada, que consiste en meter unha novela dentro de outra e dotala dunha axilidade que atrapa o lector dende a primeira páxina.
En palabras de Xavier Alcalá en "The Making Of" -hai dúas novelas de viaxe que transcorren en paralelo. Está o escritor que vai e vén á Arxentina, que é onde transcorre a historia do outro personaxe, que é o que fai a gran viaxe. O que sae dunha aldea da Ferrolterra, pasa por Buenos Aires e acaba en Comodoro Rivadavia, que é a capital do petróleo na Arxentina xusto no momento da Segunda Guerra Mundial, no que todas as potencias se están pelexando polos recursos escasos. Todo o que se refire aos tempos antigos, é dicir, o que transcorre entre o ano 33 e o 43, é a historia dun tipo que anda a sobrevivir ata que algo lle falla, mentres que logo hai dous tipos, un xornalista e un novelista, que viven nos anos 90 e que non teñen necesidade de sobrevivir. Estes dous aínda están conectados cos vellos que quedan vivos e que saben da historia que nunca se contou, porque non é conveniente contar historias de cacos na emigración, e menos aínda se eses cacos se dedican a traballar para os nazis-.
Este é o compendio da novela, e utilizo as verbas de Xavier para non facer un "spoiler", polo que convén sinalar algúns aspectos:
- Riqueza e manexo lingüístico: Alcalá manexa como ninguén a lingua galega. Manexa e aporta unha riqueza de vocabulario que é unha regalía para todos os que o leemos, aínda que nos obrigue a ter o dicionario na man para dar conta dos moitos termos dos que dispoñemos. Se Alfredo Mosquera, o Chogomelo é un xogador avezado, Xavier é un xogador das palabras, semella que ten unha caixa sonora que lle vai cuspindo cada termo axeitado para cada lance. Alcalá énchenos de termos que están aí para arrequecer a nosa lingua sen necesidade de "axudas alleas". Un manexo lingüístico, que fai filigranas con expresións e voces, da Pampa, Patagonia.
- Coñecemento do mundo a emigración galego, que nos permite un achegamento a ese mundo, e nos invita a seguir a investigación, a tirar do fío para saber como os galegos protexíanse entre eles e como se desenvolvían en terras tan distantes e alleas.
- Coñecemento dos espazos xeográficos onde se desenrolan os feitos.
Con todo, o relato de Alcalá transcorre nun ambiente sórdido e ata agora pouso explorado na narrativa galega.