"Conversas no Parador" coa portavoz do BNG, Ana Pontón


Ferrol, 25 de novembro de 2018

A portavoz nacional e portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, participou o venres 23 de novembro nas "Conversas non Parador" que organiza o Club de Prensa de Ferrol. Ante os xornalistas e numeroso público asistente Ana Pontón expuxo unha serie de iniciativas parlamentarias e políticas que a súa formación está a levar a cabo. A defensa da transferencia da AP-9 a Galicia, a rebaixa eléctrica como país excedentario de produción, a mellora do ferrocarril tanto no traxecto Ferrol-A Coruña como o ferrocarril de proximidade, o saneamento ou a aposta polo sector naval puxéronse onte sobre a mesa do Parador.

Con respecto a posibles pactos ou apoios a outras forzas de esquerdas para evitar precisamente gobernos de dereitas, a portavoz nacionalista indicou que "o BNG sempre deu o máximo apoio posible, pero Galicia necesita de forzas políticas propias" e como exemplo de transformación social citou aos alcaldes de San Sadurniño ou Moeche "que puxeron vos seus concellos non mapa". Tamén fixo fincapé na necesidade de que nunha cidade como Ferrol, cunha altísima porcentaxe de propiedades do Estado, a administración pague impostos como fan os cidadáns ou a aposta pola rehabilitación para facer da urbe naval un referente como o son cidades como Pontevedra, foron cuestións sobre as que se debateu.

Aínda que a portavoz nacionalista centrou a súa intervención en cuestións que afectan a toda Galicia, os actos que se están levando a cabo por parte de todas as forzas políticas para presentar aos seus candidatos ás eleccións municipais levou a Pontón a explicar a necesidade de que Ferrol de un xiro tras tres anos "de decepción". Pontón asegurou que Ferrol "merece máis que un goberno do PP e máis que unha Marea".