O secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro, reclama a “memoria” de como o seu partido sementou en Ferrolterra “un futuro que outras partes de Galicia xa desexarían para elas”


Ferrol, 25 de maio de 2026

José Alvarez Díaz

O secretario xeral de Partido Socialista de Galicia (PsdeG-PSOE), José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe, nun almorzo organizado polo Club de Prensa de Ferrol, a “memoria” da xestión municipal de Ángel Mato (2019-2023), que atraeu investimentos de 8.600 millóns de euros, e falou das bases do futuro da cidade: Navantia, un ferrocarril moderno, unha autovía AP-9 gratuita nun futuro e a posible inversión da chinesa SAIC.

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia (PsdeG-PSOE), José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe a “memoria” de como foi a súa formación política a que sementou en Ferrol e a súa contorna “un futuro que outras partes de Galicia xa desexarían para elas”, grazas á xestión do socialista Ángel Mato, cando estivo á fronte do concello local (2019 a 2023), e á do Executivo de Pedro Sánchez no goberno central, que dedicou durante eses anos un récord histórico de investimento estatal na comarca de 8.600 millóns de euros, unha cifra que é “única na historia de Ferrol”.

Besteiro falou en detalle dos investimentos e iniciativas que fundaron, hai uns anos, o actual “rexurdir industrial de Ferrol” que estamos vendo hoxe, durante un almorzo informativo no marco das “Conversas no Parador” que o Club de Prensa de Ferrol vén celebrando regularmente no Parador Nacional da cidade naval desde hai unha década.

A lista de investimentos lograda polos socialistas “non se limita só ao ámbito da industria naval”, dixo, pero lembrou a importancia que tivo para a economía e a sociedade local o desbloqueo que se deu daquela, con Sánchez na Moncloa, para o programa de construción, nos estaleiros de Navantia, das fragatas F-110, que supuxeron por si mesmas un investimento de 4.325 millóns de euros e a activación de máis de 9.000 postos de traballo, que teñen garantida polo menos unha década máis de traballo por diante. Ademais destacou investimentos adicionais nas instalacións de Navantia (110 millóns de euros) e na nova fábrica dixital de bloques do estaleiro (60 millóns), medidas coas que “estamos gañando peso internacional tamén: non só pola construción de fragatas, senón para a reparación e o mantemento doutros buques”, xa que, “en definitiva, temos maior capacidade” que hai unha década, e “témola porque tamén investimos máis”. Nese sentido, subliñou como en 2017, o último ano completo de Mariano Rajoy (PP) na Moncloa, o investimento anual do Estado nos estaleiros ferroláns era de 17 millóns de euros, mentres que só o de 2026, polo de agora, suma xa 125 millóns de euros. O tándem socialista entre Madrid e Ferrol tamén se materializou con investimentos en campos como o transporte (co éxito, que hoxe anunciou que está previsto que se acorde esta mesma semana no Congreso dos Deputados, da transferencia da autoestrada AP-9 á titularidade pública, polo que agora só quedará que a Xunta decida “negociar a súa gratuidade”, aínda que os seus usuarios xa gozan dunhas bonificacións do 75% impulsadas polos socialistas); igualmente ocorreu coa vivenda (cun preacordo de permiso e financiamento, por valor duns 100 millóns de euros, co Ministerio de Defensa, para crear 300 apartamentos nos terreos do antigo cuartel de artillaría antiaérea “Sánchez Aguilera”, abandonado en 2002), así como con actuacións de rehabilitación urbana en Ferrol Vello e O Bertón (3 millóns de euros e 178 vivendas recuperadas), ou a propia remodelación da avenida das Pías (11 millóns de euros), todos eles financiados polo Estado central.

Besteiro tamén se pronunciou ante o posible investimento na comarca da Corporación Industrial do Automóbil de Shanghai (SAIC), o maior fabricante de coches chinés, que desde 2007 controla a marca británica MG, coa que fabrica en Inglaterra e ten plans de facelo tamén na Europa continental, moi probablemente no porto exterior de Ferrol, o que ten maior calado (20 metros) desta zona do Atlántico, un dato que, para os shanghaineses, afeitos a exportar en buques xigantescos desde o maior porto mercante do mundo (Yangshan, na súa cidade), podería ser clave. Besteiro lembrou que o que seguramente será o maior investimento chinés en Europa, ata a data, é “moi bo para Galicia”, pero que é froito das xestións de Pedro Sánchez ante o goberno chinés, nun país onde a política ao máis alto nivel debe acompañar os grandes investimentos como este. Por iso pediu lealdade ao PP, así como “traballar coordinadamente” o Estado e a Xunta para garantir a “confianza institucional” aos investidores chineses e atraer a súa implantación en Ferrol.