Ana Pontón, voceira do BNG, pide "ambición" para reverter a "discriminación" que "soporta" Ferrol e desenvolver todo o seu potencial, con servizos públicos de calidade, un tren do século XXI e un sector naval ampliado á construcción civil
A voceira do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, protagonizou hoxe o almorzo informativo organizado polo Club de Prensa de Ferrol no marco das súas “Conversas no Parador”, desde donde reclamou máis “ambición” e “compromiso político” para que a cidade naval supere a “discriminación que sofre” dos partidos estatais e poida desenvolver todo o seu potencial de emprego e calidade de vida.
A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, denunciou hoxe, durante un almorzo informativo organizado polo Club de Prensa de Ferrol, a “discriminación que soporta esta cidade por parte das forzas políticas estatáis desde hai décadas”, e reclamou máis “ambición” e “compromiso político” para revertir a situación e dotar á cidade das iniciativas e os medios necesarios para que poida desenvolver todo o seu potencial.
Pontón foi a convidada do encontro informativo de hoxe, no marco das “Conversas no Parador” que o Club de Prensa de Ferrol ven celebrando regularmente no Parador Nacional de Turismo da cidade naval desde hai unha década, desde onde reclamou a urxencia de saír do “abandono” político no que ve sumida á comarca, con medidas que aposten por modernizar as súas conexións de transporte, con un tren á altura das necesidades da Ferrolterra do século XXI, así como de reforzar as súas posibilidades de xenerar emprego estábel, a través da recuperación da ría e da ampliación do seu sector naval cara a construcción civil, todo iso sempre desde un compromiso para blindar uns servizos públicos de calidade, sobre todo en materia de sanidade, “libres de recortes e privatizacións”.
“Case poderiamos adoptar como propio o lema "Ferrol Existe", sobre todo porque Ferrol precisa un trato xusto”, dixo Pontón, quen sinalou o “enorme potencial” dunha “cidade que ten forza industrial e enerxética”, con “unha gran cantidade de experiencia acumulada de man de obra cualificada” e “dous elementos que a miúdo non se valoran, ou non se valoran o suficiente: unha arquitectura única e un espazo natural marabilloso, coa ría, que debería ser un dos grandes motores económicos desta comarca, pero que por desgraza está nun estado de abandono”.
Por iso, pediu "esa ambición, esa confianza e ese compromiso político que ten que substituír dunha vez por todas a discriminación que soporta esta cidade a mans das forzas estatais desde fai décadas", unhas forzas que a miúdo "din unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid".
A importancia de defender en Madrid un ferrocarril do século XXI para Ferrolterra
Para ilustralo, Pontón lembrou como en Galicia todas as forzas dan un respaldo unánime ao clamor popular que esixe unha solución para as carencias do transporte ferroviario desde Ferrol, un movemento que en novembro pasado reuniu a preto de 10.000 manifestantes en apoio ao Foro Cidadá polo Ferrocarril. Ao chegar esta iniciativa a Madrid “vemos a un PSOE que intenta descarrilar esta proposta”, indicou, “pero digo neste caso o Partido Socialista porque está na Moncloa, porque se estivera o Partido Popular o grao de discriminación sería exactamente o mesmo. E isto non é unha opinión, os feitos están aí, porque o PP gobernou durante moitos anos o Estado, e o trato que lle deu a Ferrol podemos dicir que é exactamente o mesmo que lle está dando o PSOE”.
Nese sentido, describiu o problema do ferrocarril como “un tema esencial”, xa que é “o medio de comunicación do futuro, e as cidades que queden desconectadas do ferrocarril van quedar desconectadas das principais vías de mobilidade que se están deseñando a nivel europeo”. De feito, asegurou que, máis ca unha conexión ferroviaria anticuada, do século XX, en Ferrol “case podemos dicir que é do século XIX, cunhas frecuencias e unhas distancias que non son admisibles para unha área da envergadura de Ferrol e para o que se está xogando Ferrol de cara ao futuro” con este atraso. Por iso, asegurou que “unhas comunicacións eficientes cara A Coruña” poderían “dar un cambio fundamental” para disparar “as posibilidades económicas desta cidade”, o que tamén se vería reforzado se puidera mellorar os seus precarios servizos de transporte comarcal de vía estreita con FEVE e, sobre todo, asegurar a conexión de Ferrol co chamado Eixe Atlántico, un trazado de transporte multimodal por ferrocarril, estrada e vías navegables terrestres e marítimas, que vincula Lisboa e o norte de Portugal, pasando por Galicia e polo Cantábrico, cos portos franceses de Le Havre, Brest e Nantes, ata Estrasburgo e Mannheim, na fronteira francoalemá.
“Aquí ao FEVE estase a deixalo morrer, mentres noutras partes, como en Asturias, funciona como un elemento que articula a mobilidade”, denunciou, e “os incidentes” frecuentes nesa rede en Ferrolterra “non son por casualidade, senón porque levamos décadas vendo como se abandona a vía, como non se inviste en que se teñan as condicións dignas para o propio material rodante”. Para Pontón, “isto evidencia con claridade como está a cidade: non é que non teña posibilidades, é que lle poñen paus nas rodas, porque non se está investindo na modernización das súas vías, neste caso, ferroviarias, que son imprescindibles para poder deseñar unha comunicación para o futuro desta comarca”.
Pontón quere máis desenvolvemento industrial e mellor protección duns servizos públicos de calidade
Na súa visión para a cidade naval, “necesitamos infraestruturas, pero tamén necesitamos unha política industrial que poña en valor todo o potencial que ten Ferrol”, e para iso, dixo Pontón, sería desexable atraer proxectos industriais para Ferrolterra alén das “promesas incumpridas” da Xunta de Feijóo.
Para Pontón, a xestión actual da empresa estatal Navantia, actualmente consagrada exclusivamente á fabricación de naves militares, está supoñendo tamén un “abandono do sector naval”, que podería tomar un novo impulso “recuperando a construción naval civil”. Hai anos que a directiva de Navantia considera que, dada a feroz competencia mundial no mercado civil, con actores como China ou Corea do Sur que ofrecen uns prezos cos que España non pode rivalizar, o sector civil non é rendible.
A voceira lembrou que a postura do BNG é contraria á do “tándem PP-PSOE” que “actúa para que nada se mova, aínda que sexa a costa de facerlle perder oportunidades a Ferrolterra”, e reclamou a construción de novas infraestruturas para Navantia en Ferrol, como un dique cuberto de construción e reparación e un novo complexo de fabricación integral.
Pontón recalcou tamén a importancia de apostar polo sector enerxético e a transición xusta, e celebrou a iniciativa de instalar acumuladores de almacenamento de enerxía eólica nas Pontes, e apostar por garantir “servizos públicos de calidade e libres de recortes e privatizacións”. Para a voceira do BNG, “o sistema público deteriorouse de maneira deliberada”, así que propuxo crear un novo hospital para Ferrol e pediu que a nova residencia de maiores local non privatice a súa xestión.
José Álvarez Díaz


