O Nº 35 da Revista FerrolAnálisis presentarase o mércores 21 de agosto na sala Carlos III de Exponav


Ferrol, 18 de agosto de 2024

A Sala Carlos III do Museo da Construción Naval, (EXPONAV) acollerá o vindeiro mércores 21 de agosto ás 19:30 horas o acto de presentación do Nº 35 da Revista de Pensamento e Cultura FerrolAnálisis que edita o Club de Prensa de Ferrol.

Acadar o número 35 da publicación de FerrolAnálisis, é para o Club de Prensa de Ferrol “todo un logro colectivo” dunha aventura editorial que desde o Club de Prensa de Ferrol emprendemos en 1990. Un “logro colectivo” que é posible grazas a unha “xenerosa militancia amiga e comprometida” que ven compartindo coa nosa revista e os seus seguidores, estudos e reflexións, froito de rigorosos estudos e investigacións que a converteron nunha publicación emblemática e referencial” continuadora da gran tradición literaria existente na cidade, e que segue a manter o seu formato en papel, grazas a xenerosa colaboración continuada no tempo da Deputación Provincial da Coruña e do Concello de Ferrol, institucións ás que agradecemos a súa fidelidade.

E así continuamos, abrindo a nosa revista coa pegada humana e cultural de Fernando Bores Gamundi, quen como sinala Nona Inés Vilariño, dunha forma ou outra estará para sempre presente nas súas páxinas.

Un número no que Consello de Redacción sumándose ás numerosas institucións académicas e culturais galegas que veñen homenaxeando ao insigne profesor D. Xesús Alonso Montero, ten a fortuna de acoller un revelador traballo da súa autoría “Sobre a Intelectualidade Progresista de Ferrol a fins do XIX e comezos do XX”. Neste obra, D. Xesús agasállanos, descubrindo e poñendo ante todos nos o importante legado que deixou en Ferrol e toda Galicia a familia “De la Iglesia”.

A temática ferrolá, segue a ser o cerne duns contidos que nos permiten achegarnos á primeira e recente campaña arqueolóxica para o estudo do patrimonio castrexo en “Tralocastro”; á influencia de Ferrol na personalidade e obra literaria de Torrente Ballester; á importancia e influencia no teatro de vangarda do Teatro Estudio de Ferrol creado a finais dos anos sesenta do pasado século por un grupo de alumnos do Instituto Concepción Arenal; ao sentir cultural de Ferrol, que contou con numerosos e notables intelectuais ferroláns nos primeiros anos do Ateneo de Madrid.

Son páxinas de feitos históricos, conxugados co presente, porque neste número temos a satisfacción de ofrecerlles unha extensa relación de imaxes dos numerosos asistentes á inauguración do Memorial Ás “Vítimas do Franquismo en Ferrol, Eume e Ortegal”, polo que tanto empeño e paixón loitou Vicente Couce, e que tivo lugar o pasado 24 de febreiro de 2024.

A historia, a literatura e artes complétanse coa ollada ao futuro que nos brindan artigos sobre as reflexións pos pandémicas e a aposta polo hidróxeno verde en varios lugares da comarca ferrolá.

E de cando en vez, alegrando os ollos e os sentidos, xorde ante nos unha fermosa obra de José Luis Loureiro, na que o pintor ferrolán convídanos a desfrutar e reflexionar sobre a súa particular concepción artística e da natureza. Unha concepción da paisaxe que semella traspasar os límites do plano e suxerirnos a sensación de introducirnos no seu hábitat íntimo e persoal, no que Loureiro, desenrola a súa actividade creativa e vital.

Tamén nos achegamos a Mondoñedo, a cidade episcopal coa que compartimos Diocese e lazos de irmandade, achegándonos ó seu Conxunto Histórico Artístico; a Escola Poética do Seminario de Mondoñedo, e a súa Catedral e Museo.

No apartado de Comunicación, ademais das informacións relativas ao Premio de Liberdade de Prensa figura un interesante e revelador traballo de Patricia López Bellas sobre “Mujeres en la prensa, analizando el sexismo en las noticias sobre violencia machista”.

Páxinas e páxinas de estudos, investigacións e reflexións conforman a este Nº 35 de FerrolAnálisis. En todas o coidado teimoso e paciente que como sempre, agradecemos ao Consello de Redacción e á súa directora, Esperanza Piñeiro de San Miguel.

No acto de presentación participarán D. Xesús Alonso Montero, o Alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela,  a Directora da revista, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e a Presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto. Debido a limitación do aforo, a asistencia ao acto será por invitación confirmada. Obsequiarase a cada asistente cun exemplar da Revista.