Descripción del proyecto

O Club de Prensa de Ferrol convoca a 29 ª Edición do certame de Foto-xornalismo "Galicia en Foco"


Ferrol, 13 de xuño de 2020

O Club de Prensa de Ferrol convoca a 29ª edición do certame Galicia en Foco para elixir a Foto ou Foto-reportaxe do Ano 2019 entre aquelas imaxes que foran publicadas nos medios de comunicación ao longo do ano 2019. Coas fotos e foto-reportaxes seleccionadas montarase unha exposición que terá carácter itinerante por diversas cidades e vilas de Galicia e elaborarase un catálogo para dar a coñecer e difundir a obra seleccionada entre as fotos presentadas. Poderán concorrer os foto-xornalistas cun traballo de tema galego ou relacionado con Galicia.

As fotografías deberán estar publicadas en medios de comunicación (papel ou dixital) de cabeceiras recoñecidas entre o 01/01/2019 e o 31/12/2019. Créanse dous apartados de participación (Foto do Ano e Foto-reportaxe do Ano), podendo concorrer so a un, para un único premio, de 1.000 euros. Cada fotografía enviarase coa súa ficha individual debidamente cuberta que se poderá descargar neste enlace da web do Club de Prensa de Ferrol, onde figuran as Bases que rexen o presente certame.

O prazo de recepción remata o día 22 de xullo de 2020 ás 24.00 h.

Covid 19

Co fin de recoller unha mostra das imaxes que os foto-xornalistas captaron este ano 2020 sobre os efectos da Pandemia da Covid 19 en Galicia, o Club de Prensa de Ferrol acollerá, tanto no Catálogo como na Exposición desta 29 edición, aquelas fotografías que os foto xornalistas captaron desde o 14 de marzo ata o 21 de xuño de 2020 referidas á pandemia, foran ou non publicadas, segundo se especifica no cartaz que acompaña as Bases desta Convocatoria que figuran na web do Club de Prensa de Ferrol.

O Club de Prensa de Ferrol poderá utilizar as obras para os fins previstos neste certame, así como nas súas publicacións e nunha exposición e un catálogo que reúna as obras seleccionadas entre as presentadas. Resérvase os dereitos de reprodución gráfica das obras premiadas, que poderán ser difundidas a través da súa páxina web e calquera outro medio publicado por esta institución, así como nas redes sociais.