O Club de Prensa de Ferrol celebra o Día da Ilustración os días 30 e 31 de xaneiro en homenaxe ao artista mindoniense Xosé Vizoso
O Club de Prensa de Ferrol, súmase a celebración do Día da Ilustración en homenaxe a Xosé Vizoso con dous actos dedicados á glosar a súa obra como ilustrador, autor de importantes murais e ceramista, que terán como escenario a Capela do Centro Torrente Ballester de Ferrol, o día 30, e o Museo Pérez Porto de cerámica en Esmelle o 31 deste mes de xaneiro.
“Unha visión de contexto sobre Camilo Díaz Baliño, Máximo Ramos e novos retos na ilustración de hoxe” é o tema sobre o que disertará Suso Basterrechea, artista, profesor e ex-concelleiro de cultura no Auditorio do Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, o vindeiro xoves 30 de xaneiro ás 19.00 horas, e unha “Demostración de como se leva a cabo a Ilustración dunha peza de cerámica para agasallar a Xosé Vizoso” a cargo de Carme Romero, ceramista e directora do Museo de Cerámica Pérez Porto de Esmelle o vindeiro Venres 31 ás 17.00 horas deste mes de Xaneiro.
En ambos actos de Homenaxe a Xosé Vizoso participarán tamén, o artista e escritor membro do Club de Prensa de Ferrol, Xoán Rubia e a historiadora e directora de Publicacións do Club de Prensa, Esperanza Piñeiro de San Miguel.
Xosé Vizoso é o autor homenaxeado do Día da Ilustración 2025. Alén da súa ampla traxectoria como deseñador e ceramista en Sargadelos, Vizoso (Mondoñedo, 1950) é un prolífico cartelista, muralista e ilustrador de libros. A súa obra destaca polo seu poderío visual e a profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega. O recoñecemento ao autor de Mondoñedo é o primeiro que se fai en vida, xa que en anteriores edicións a efeméride centrouse en reivindicar a referentes históricos e pioneiros nesta disciplina.
O Día da Ilustración forma parte do Calendario do libro e da lectura desde o ano 2014 e toma como data de referencia a do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. É unha iniciativa que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
Esta conmemoración pretende lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na cultura galega, homenaxeando un autor que contribuíse a consolidar e a tecer a historia neste ámbito en Galicia. O nome de Xosé Vizoso súmase así aos de Chichi Campos, María Antonia Dans, Lino González Rubido, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Lolita Díaz Baliño e Reimundo Patiño, que recibiron o recoñecemento nos anos anteriores.