Pablo Moreda, Xerente do Xeoparque Cabo Ortegal nas “Conversas no Parador”
O Alcalde de Cedeira e Presidente da Asociación Xestora do Xeoparque Cabo Ortegal, Pablo Diego Moreda compareceu este mércores 27 de novembro nas “Conversas no Parador” que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do establecemento hostaleiro de Ferrol.
O Presidente da Asociación Xestora do Xeoparque Cabo Ortegal, que estivo acompañado polo alcalde de Valdoviño, Alberto González; o director do Parador de Ferrol, José Antonio Cedena; o ex-alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri; o biólogo, delegado en Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural e membro do Comité Científico do Xeoparque, Xoán Rodríguez Sivar, e outras personalidades e invitados, acudiu ao encontro informativo para dar abordar os “retos de futuro do Xeoparque Cabo Ortegal”.
Na súa intervención fixo un percorrido polas diversas accións que desde maio de 2023, en que se acadou a declaración como Xeoparque pola UNESCO, “unha realidade que nos convida a achegarnos, desfrutar, e aprender do importante proxecto multidisciplinar e de riqueza, polo seu amplo abano de actividade relacionada coa ecoloxía e sustentabilidade”.
Sinalou tamén que o logro do Xeoparque Cabo Ortegal, débese á participación de numerosas persoas, ás que non dubidou en agradecerlles a súa intervención positiva, mencionando “aos alcaldes, alcaldesas e a todas aquelas que desde os distintos ámbitos de competencias dos sete concellos nos que se asenta, viñeron traballando conxuntamente para que en maio do pasado ano 2023, a UNESCO o declarase Xeoparque Mundial”, “porque é este organismo das Nacións Unidas o que outorga o distintivo, sempre que se solicite previamente e se cumpran unha serie de requisitos como os que caracterizan ao noso Xeoparque”. Requisitos que engadiu cumpre o Xeoparque por contar cun “territorio unificado xeograficamente, con referentes xeolóxicos únicos e con certo atractivo visual e de contido para visitantes”. Porque ademais, “conta tamén cunha entidade de xestión que leva a cabo unha estratexia integral que vela pola conservación dos recursos, a investigación, educación, turismo e desenvolvemento social e económico”; así como “pola capacidade de levar a cabo accións de posta en valor da xeoloxía, coa participación cidadá e un enfoque de abaixo a arriba”, aos que se suman os “recursos económicos suficientes para o sostemento do plan de acción, coa colaboración de empresas e entidades do territorio ou ben directamente”.
Todo isto, para o Xerente do Xeoparque Cabo Ortegal, supón “un compromiso de futuro para os sete concellos nos que se asenta o Xeoparque Cabo Ortegal”, unha extensión que comprende Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Unha indubidable extensión de arredor de 799 km² de superficie (dos que 632KM están en terra e 167KM de fronte marítima costeira), e que contan con algo máis de 28.000 habitantes distribuídos en 57 parroquias e 1.211 entidades de poboación. Elementos que tanto xuntos como separados xogan un importante papel, e que os xeólogos que participaron no proceso de avaliación cualificaron de “extraordinarios, tanto pola súa riqueza e variedade , como pola súa extraordinaria dimensión xeográfica”. Estas singularidades foron tamén sinaladas polos xeólogos do Comité Científico, que deron un importante papel “ao seu valor cultural polo súa lingua e cultura”. Características estas que segundo sinalou o alcalde, Pablo Moreda “aportan un valor moi singular ao Xeoparque”.
Tamén engadiu o alcalde de Cedeira que “grazas ao traballo realizado polos científicos, a estas alturas pódense coñecer datos, como, por exemplo, en xeoloxía mariña formación da lagoa de Valdoviño, entre outras, ou do patrimonio xeolóxico, dado que son uns dos terreos autóctonos máis completos que existen de Oroxenia Varisca en Europa”.
Itinerarios do Xeoparque Cabo Ortegal
Na actualidade o Xeoparque Cabo Ortegal conta con 17 itinerarios guiados en todo o seu territorio. E todos eles, “contan con gran afluencia de visitantes locais e de turistas”, outra oportunidade do territorio é a de “ser sede das olimpíadas de xeoloxía, con participación de colexios, ou a Vía Ferrata”, itinerarios que influíron en que ao redor de 40.000 persoas se achegaran pola zona durante todo o pasado verán. O que redunda na creación de postos de traballo para as persoas do territorio.
Pablo Moreda, fixo alusión á “boa sintonía entre o sete concellos que forman parte do Xeoparque Cabo Ortegal, no que hai gobernos do PSOE, PP e BNG, e , puxo en valor as súas reunións, sempre produtivas e saíndo unha chea de ideas”, algo que tamén corroboraba o alcalde de Valdoviño, Alberto González, presente nestas Conversas.
Retos de futuro do Xeoparque Cabo Ortegal
A nivel de apoio económico e político, destacou Moreda, que a Deputación da Coruña achega “500.000 euros, ademais de axudar en aspectos de contratación”. Con respecto á Xunta de Galicia, de momento, sinalou “non achega aportación económica dado que os dous Xeoparques galegos son de recente creación”, pero engadiu a este respecto que “se está a traballar coa administración autonómica para crear unha liña de investimentos”, porque sinalou “conseguir unha subvención é algo moi complexo”.
Entre os retos de futuro do Xeoparque Cabo Ortegal, figuran entre outros que “os veciños destas localidades e dos arredores, saiban que é o Xeoparque, coñecer a súa historia e que poida ser un modelo de vida”. Para elo, adiantou unha das iniciativas que xa levaron entre os máis novos fora a crear unha unidade didáctica para os centros educativos, para que os rapaces “poidan estudar ou seu territorio e saiban o que teñen”.