O Club de Prensa de Ferrol celebra o Día da Ilustración cunha homenaxe a Xosé Vizoso
Hoxe, xoves día 30 no Centro Cultural “Torrente Ballester” e organizado polo Club de Prensa de Ferrol tivo lugar un acto conmemorativo do “Día da Ilustración” que este ano está dedicado ao mindoniense Xosé Vizoso.
O profesor Suso Basterrechea ofreceu unha ilustrativa e maxistral palestra referíndose a aqueles ilustradores que sentaron precedente neste arte de comunicar mediante imaxes. Dende Toulouse Lautrec cos seus carteis referidos á sala “Moulin Rouge” de París ata os nosos Camilo Díaz Baliño e Máximo Ramos pasando pola escola xaponesa que creou tendencia. A ilustración (fotografía, debuxo ou lámina) colócase nun texto para representar graficamente o exposto, concepto este que deixou ben claro o conferenciante e tamén asegurou que non é certo que “unha imaxe valga máis que mil palabras”.