Mercedes Alonso da Plataforma por un Transporte Público Digno nas “Conversas no Parador”
“Máis do 96 % de usuarios considera deficitario o servizo de bus”
Mercedes Alonso, portavoz da “Plataforma por un transporte público digno en Ferrol e comarcas”, participou esta mañá no foro informativo “Conversas no Parador” que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol, e que hoxe chegaba ao número de 50 dos encontros informativos que se veñen celebrando no Parador de Turismo de Ferrol. No transcurso do mesmo, Mercedes Alonso, insistiu na demanda de "melloras do transporte público en Ferrolterra, Eume e Ortegal, tanto por estrada como por ferrocarril". Ademais, Mercedes Alonso, psicóloga de profesión que exerce na asociación Teima Down Ferrol, debullou os problemas de mobilidade que afectan a todos os cidadáns á hora de utilizar o transporte público "tanto na comarca como desde Ferrol con outras cidades, como A Coruña". Tamén fixo referencia ao estado do ferrocarril, "cun servizo deficitario, xa que nos leva chegar até A Coruña unha hora e media, a unha media de 40 quilómetros á hora".
No caso dos asociados de Teima Down Ferrol, "estas carencias tamén supoñen limitacións á hora de conseguir normalizar a súa situación, sobre todo de emprego", poñendo como exemplo, o caso dun residente en Cedeira, con discapacidade intelectual "que tivo que renunciar a un traballo en Ferrol ante a falta de combinacións".
Algunhas melloras
Mercedes Alonso tamén lembrou que desde a "Plataforma por un transporte público digno en Ferrol e comarcas" levan organizadas varias mobilizacións e protestas, ademais dunhas enquisas que estiman que "máis do 96% dos usuarios recoñece e manifestan que o transporte na zona é deficitario". Con todo asegurou Alonso que desde "o regreso das vacacións de Nadal o servizo, polo menos no que a reforzos se refire, parece que foi mellorado".