Manuel Rico, gañador do XVII Premio José Couso de Liberdade de Prensa


Ferrol, 15 de abril de 2021

O xornalista de investigación Manuel Rico é o gañador da XVII Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Club de Prensa de Ferrol e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).

O Club de Prensa de Ferrol e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciaron que o gañador da XVII edición é Manuel Rico, logo de se celebrar esta semana, en acto pechado por mor do estado de alarma, o reconto de votos avalado polo notario José Ignacio Feijoo Juarros, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. A candidatura de Manuel Rico resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación aberta e secreta polos socios e socias do Club de Prensa e polos colexiados e colexiadas do CPXG.

Debido ás circunstancias impostas pola pandemia da Covid-19, nesta edición do Premio Couso, como na anterior, optouse por non celebrar unha rolda de prensa para anunciar o fallo. Próximamente informaráse de cal é o formato co que se vai realizar este ano a entrega do premio, que dependerá en todo caso da evolución da crise sanitaria, de cara a que se celebre con totais garantías para a seguridade sanitaria de todas as persoas participantes.

Manuel Rico, fundador e actual director de investigación de InfoLibre, é un destacado xornalista de investigación, autor de numerosas exclusivas ao longo da súa traxectoria profesional. Nos últimos meses denunciou a dramática situación das residencias de maiores durante a pandemia. O seu traballo destacouse sempre pola información independente, desde a imparcialidade, a profesionalidade e o xornalismo de investigación, o que lle fixo sufrir ameazas e presións. Cómpre salientar tamén o seu compromiso coa defensa da profesión xornalística.

O premiado

Manuel Rico Prada naceu na vila berciana de Fabeiro en 1967. Licenciouse en Xornalismo na Universidad de Navarra e ten un mestrado de Estudos da Comunicación pola University of Missouri-Columbia, ademais de ser graduado en dereito pola Universitat Oberta de Catalunya. A súa carreira como xornalista comeza como redactor de "El Correo Gallego" en 1990. Tres anos despois pasa ao xornal "El Mundo" como correspondente e, posteriormente, subdelegado en Galicia, para exercer finalmente de responsábel de local na edición do País Vasco. No 2000 incorporase ao Grupo Zeta en Madrid, onde puxo en marcha a edición dixital a edición dixital de "Interviú" e logo foi redactor xefe desta revista, para ocupar finalmente o cargo de subdirector de "Tiempo".

En 2007, coa posta en marcha do xornal "Público", entra a traballar como redactor xefe de política, ocupando posteriormente os cargos de xefe de redacción e subdirector. En 2009 foi demandado xunto a outros xornalistas de "Público" por Ignacio González, tras teren publicado informacións que detallaban o seu papel en adxudicacións públicas sospeitosas. A demanda foi rexeitada por varios tribunais. En 2013, pasa a formar parte do equipo fundador do dixital InfoLibre, primeiro como director e, desde o ano pasado, como director de investigación. Durante a pandemia investigou a situación das residencias de maiores, moitas
das cales están en mans de grandes grupos privados, un traballo que vén de plasmar no libro "Vergüenza, el escándalo de las residencias".

Ademais, foi presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela entre 1995 e 1997 e participou da posta en marcha do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. É membro tamén do Colegio deAbogados de Madrid.

Manuel Rico súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José VidalBeneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019) e Lorenzo Milá (2019) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.

O Club de Prensa de Ferrol e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Club de Presa de Ferrol | Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

WEB DO PREMIO