Julia Otero: "Recibir o Premio Couso é unha responsabilidade polo nome e polo compromiso moral que conleva"


Ferrol, 05 de maio de 2018

A xornalista monfortina Julia Otero recolleu o xoves 3 de maio en Ferrol o XIV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Otero destacou a "responsabilidade" de recibir este galardón e defendeu a "formación e as mobilizacións" contra os ataques á liberdade de prensa.

Julia Otero participou previamente nunha rolda de prensa posterior á recepción institucional no Concello de Ferrol. A premiada estivo acompañada pola presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria; e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.

A galardoada afirmou que o Premio José Couso é un galardón con "prestixio nacional e internacional" que significa unha "responsabilidade, polo nome que ten e polo compromiso moral que conleva". Otero confesou que, cando soubo que era gañadora, pensou "por que o podería merecer", cando ela mesma se excluía ante as outras candidaturas. Ademais, a xornalista declarou sentirse "emocionada", por unha mensaxe da irmá de José Couso que lle dicía que a súa nai estaba feliz por saber que o premio ía para ela.

A preguntas dos xornalistas, Otero recoñeceuse "moderadamente optimista" fronte á "cuarta vaga do feminismo" que parece que estamos a vivir, e confiou en que sirva para ver a máis mulleres en postos de responsabilidade nos medios. En canto á liberdade de prensa, mostrou menos confianza, ao afirmar que "non estamos nun bo momento, o mundo avanza nun sentido preocupante, vaise en contra das liberdades". Fronte a isto, avogou pola "educación, a formación, e as mobilizacións que fan que se removan as cousas" para combater o recorte de dereitos.

OFRENDA FLORAL E ACTOS NO TEATRO JOFRE

Ás 17:45 horas realizouse a tradicional ofrenda floral na estatua "Ás Ceibes" de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde a xornalista Marta Corral foi encargada de ler un texto en nome da organización.

A partir das 19:00 horas da tarde, o Teatro Jofre acolleu o acto de entrega do galardón, conducido pola xornalista Almudena Marcos. No acto, o xornalista e primeiro decano do Colexio, Xosé María García Palmeiro, deu lectura ao Manifesto que redactou para o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, no que reivindicou o oficio de "informar e servir á cidadanía" fronte ás incertezas dunha "profesión case sempre marcada pola urxencia e tamén, xaora, pola precariedade".

A continuación, Julia Otero recibiu o galardón desta XIV Edición do Premio José Couso de mans de Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol. Trala entrega, Julia Otero tomou a palabra e dando mostra do seu bo coñecemento da lingua galega dirixiuse ao público para agradecer aos que elixiran a súa candidatura para concederlle o premio a Liberdade de Expresión e preguntarse, cal era o mérito que acredita que alguén merece nada menos que o premio á liberdade de información, nunha profesión que vive na decadencia e a precariedade, domesticada polo "mercado" e os intereses empresariais, lexítimos pero intereses?, polo que dado que non encontraba resposta, manifestou sentirse obrigada moral e eticamente a facer exame de conciencia sobre se daba suficiente batalla cada día, non xa pola liberdade de expresión dos demais, senón pola súa propia.

Tras unha serie de reflexións sobre o estado da liberdade de expresión, a situación da muller nos medios de comunicación, preguntouse pola liberdade, para concluír "Fronte aos deuses do mercado, que son os que mandan, a nosa liberdade ten moito que ver coa audiencia e, desde logo, ten un prezo. Quero dicir que o éxito te fai libre?, (a min botáronme unha vez, sendo líder das tardes). Non, o éxito faite so algo máis libre e, sobre todo, obrígate moralmente a explorar os límites e a tentar vencer os medos. Esa é a clave. Se sucumbes ao medo é posible que o perdas todo: a credibilidade, a audiencia e, acto seguido, o traballo".

Julia Otero rematou a súa intervención referíndose a audiencia, a mensaxe que me emocionou recibir media hora despois de que me comunicasen a concesión deste premio, foi a dunha muller chamada Sabela, a quen non coñezo, que me escribiu: "Estoy muy orgullosa de que lleves el premio con el nombre de mi hermano. Mi madre esta feliz". Era Sabela Couso. Se a nai de Xosé Couso está feliz porque eu reciba un premio co nome do seu filIo, o meu compromiso moral e profesional debe ser tentar honrar a súa memoria."

O tradicional Concerto da Liberdade, a cargo do Proxecto Vocal "Concerto Tempo", rematou o acto.

A PREMIADA

Julia María Otero Pérez (Monforte de Lemos, 1959) chegou á de maneira casual e a idade de 17 anos, na emisora Radio Sabadell. Pasou por Radio Juventud e por Radio Miramar, ambas de Barcelona. A súa carreira en televisión se inicia paralelamente no ano 1987, aparecendo en varios programas nos seguintes anos, todos eles ligados a Televisión Española. En 1991 volve á radio, a Onda Cero con La Radio de Julia, ata que en 1999, a ONCE vende a emisora ao Grupo Telefónica que decide retirar o seu programa a pesar de ser líder de audiencia, o que causou bastante polémica dado que se atribuía a cuestións políticas.

Máis tarde volvería á televisión, a TV3 e a TVE. De xaneiro de 2006 a xullo de 2007 dirixiu e presentou Protagonistas no seu último tramo. Pero en setembro de 2007 volveu a Onda Cero e dende entón presenta e dirixe o programa Julia en la onda, combinándoo algunhas aparicións en TVE e Antena3. Ten recibido numerosos galardóns tanto polo seu traballo en radio como en televisión, entre eles catro Premios Ondas, dous Micrófonos de Ouro, un Antena de Ouro, dous TP de Ouro ou o Premio Ciutat de Badalona de Comunicación, que a sitúan como unha das xornalistas de maior recoñecemento na actualidade.