A Casa da Cultura de Valdoviño acolle a mostra "Galicia en Foco" ata o 18 de maio
Unha proxección seguida dunha visita guiada impulsadas polo concello serviron de referencia aos asistentes dunha mostra que está a recorrer a xeografía galega. A exposición "Galicia en Foco" que fora inaugurada no mes de novembro de 2017 en Ferrol, despois da súa itinerancia polos concellos de Mugardos e Fene, chegou o venres 4 de maio a Valdoviño onde permanecerá ata o 18 deste mes.
No acto de inauguración presidido polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, participou a secretaria do Club de Prensa de Ferrol, Margarita Canido Jove, quen fixo alusión a importancia que para a documentación histórica recente de Galicia, ten esta mostra que dende 1989 ven congregando aos fotoxornalistas galegos que fornecen de fotografías os distintos medios de comunicación. "Cada mostra é unha recompilación gráfica do que ten acontecido en Galicia ao longo do ano", polo que o Club de Prensa de Ferrol, ven recollendo e amosando nestas exposicións, e nos Catálogos que se editan de cada unha, os feitos mais relevantes que sucederon ao longo dese ano, contando cun interesante e amplo arquivo gráfico dos últimos 26 anos.
Sobre a importancia que esta mostra ten para Galicia como referente do fotoxornalismo galego, e a labor que neste senso realiza o Club de Prensa de Ferrol, institución que, dende 1989, impulsa este proxecto que constitúe o primeiro movemento fotográfico que se realiza dende a cidade naval para toda a Comunidade, e co que se pretende reivindicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia, falou Alberto González, alcalde de Valdoviño quen tamén se mostrou satisfeito por ofrecer esta mostra aos seus veciños. Posteriormente, tras ser inaugurada e Exposición, Miguel García Corral, membro do Club de Prensa e coordinador de Galicia en Foco, presentou a proxección do documental sobre os últimos 25 anos do certame, realizando despois unha visita guiada pola exposición.
A mostra permanecerá en Valdoviño ata o vindeiro 18 de maio e poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de luns a venres de 10 a 14 horas; os martes de 16 a 18 horas e as fins de semana nos horarios coincidentes coa programación cultural do Concello.