Inaugurada a 28 Edición de "Galicia en Foco"
A mostra “Galicia en Foco”, que impulsa o Club de Prensa de Ferrol, quedou inaugurada o sábado 14 de decembro polo concelleiro de Cultura Antonio Golpe, na Sala de Proxectos do Torrente Ballester. Un nutrido grupo de persoas arroupou o acto que tivo como momentos centrais a entrega do premio ao fotoperiodista de “La Voz de Galicia”, Ángel Manso e un accésit ou distinción especial a Agostiño Iglesias.
A presidenta Julia Díaz Sixto recordou os inicios deste certame no ano 1989 e a evolución ata os nosos días salientando a finalidade que non é outra que dignificar o labor do fotoperiodismo galego, mantendo os principios para o que foi creado. Tivo palabras de gratitude para os 27 participantes e máis tarde, no curso dunha cea, anunciou que o “Galicia en Foco”, que alcanza a 28 edición, tratará en adiante de fixar uns prazos estables de convocatoria e fallo do xurado.
Xoán Rubia, directivo do Club de Prensa, destacou a calidade da obra exposta e anunciou que se reforzaría a súa itinerancia, mentres que o edil de Cultura Antonio Golpe, que escusou a asistencia do alcalde, felicitou aos premiados e participantes e tivo palabras de eloxio para o CPF ao que prometou o maior grado de colaboración do goberno local.
Nunha xuntanza posterior celebrada nun coñecido restaurante da cidade, os fotógrafos asistentes, como é habitual neste encontro anual co fotoxornalismo galego, abriron turno de intervencións nas que, ademais de expresar a gratitude polo esforzo que ao longo de tantos anos está a facer o CPF, fixeron algunas propostas orientadas a actualización das normas que rexen o certame, suxerencias das que a dirección da entidade organizadora tomou nota.
A mostra, que recolle aspectos do acontecer galego: loita polo emprego, actividades culturais, vida política, social, etc, estará aberta ata o 8 de xaneiro de 2020. Paga a pena pasar pola sala de proxectos do Centro Cultural Torrente Ballester.