Conversas no Parador de Ferrol. "Estaleiro 4.0": Renovarse ou morrer


Ferrol, 17 decembro 2019

Ángel Recamán chegou, viu e venceu. A sala na que habitualmente se celebran as “Conversas no Parador” viuse esta mañá desbordada de público. Foi necesario habilitar cadeiras supletorias e mesmo cambiar o “atrezo” ordinario. Representantes do goberno local, políticos, sindicalistas, enxeñeiros navais, académicos, militares, xornalistas, directivos empresariais e de importantes industrias non quixeron perderse un relatorio sobre o "estaleiro 4.0" que desenvolveu de maneira maxistral o noso invitado, cuxa voz vén avalada pola experiencia que acumula ao exercer responsabilidades tales como director de Navantia e director da Construción Naval da devandita compañía, en Ferrol e Madrid, respectivamente.

A súa vida profesional transcorreu integramente en Bazán, primeiro, máis tarde Izar, agora Navantia. Esta condición quedou de manifesto cando ao arrincar a súa disertación dixo “Mi fidelidad a Navantia es inquebrantable”, para engadir, “ahora estoy jubilado y puedo hablar con más libertad acerca de lo que pienso y creo que tiene que ser ser el futuro del astillero”.

Recamán, que sumou esta mañá apoios dos sindicalistas, da representante do goberno local e de destacadas personalidades que fixeron uso da palabra no coloquio, veu dicir algo así como que a supervivencia pasa pola robotización, a dixitalización, un dique cuberto, formación, atención ás industrias auxiliares e, sobre todo, cambio de mentalidade. Alentou a formación dun foro “a tempo perdido”: “si prospera bien y si no da los frutos apetecidos no pasa nada, pero hay que intentarlo”, precisou. Un dirixente de Comisións Obreiras presente dixo que o estaleiro 4.0” non era unha opción senón unha obrigación.
Ángel Recamán ilustrou a súa charla con diapositivas, facendo un balance das súas visitas aos principais estaleiros do mundo. En definitiva, magnífica exposición didáctica dos obxectivos do “estaleiro 4.0”, extraordinaria a capacidade de convocatoria deste distinguido enxeñeiro naval, éxito do Club de Prensa de Ferrol no último “Conversas” do ano e sementada queda a idea de que a sociedade ferrolá e da comarca, “as persoas”, como subliñou o orador, ten que crer na mensaxe para, a continuación, facelo seu. Canto antes, mellor.

Foto (de frente e de esquerda á dereita): Julia Díaz, Mayte Deus, Ángel Recamán e Germán Castro.
Artigo: Man Castro.