Ángel Manso obtén o Premio "Galicia en Foco 2019" e Agostiño Iglesias recibe unha mención especial do xurado na XXVIII edición do premio de fotoxornalismo que convoca o Club de Prensa de Ferrol.
A foto "Alcoa non se pecha" publicada o martes 23 de outubro de 2018 en La Voz de Galicia, da que é autor Ángel Manso obtivo o Premio de fotoxornalismo "Galicia en Foco 2019" que outorga o Club de Prensa de Ferrol e que alcanza a súa XXVIII edición.
A foto premiada foi valorada polo xurado tanto pola calidade da fotografía, como polo feito de ser portada nunha noticia de tanta importancia para a economía galega. Ademais o xurado do certame acordou conceder unha "mención especial" á serie O perdón dos pecados de Agostiño Iglesias, publicada en La Voz de Galicia o 30 de Agosto de 2019.
A entrega dos premios terá lugar o sábado 14 de decembro tras a inauguración da exposición das fotografías que concorreron ao certame e que terá lugar no centro Torrente Ballester de Ferrol ás 19.30 horas. O Xurado da XXVIII edición de Galicia en Foco estivo composto por D. Rodrigo Ramos Ardá, D. José Pardo e Dna. Julia Díaz Sixto. Actuou como secretario, D. Xoán Rubia Alejos.