A Directora de Turismo de Galicia Mª Nava Castro salientou o crecemento do sector turístico en Ferrol, nas “conversas no Parador”


Ferrol, 29 de outubro de 2019

A directora de Turismo de Galicia, Mª Nava Castro, participou na mañá deste martes 29 de outubro no ciclo “Conversas No Parador” que ven organizado o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Parador de Turismo de Ferrol. Nava Castro estivo acompañada polo deputado autonómico do PP , José Manuel Rey Varela, a concelleira de Turismo de Ferrol, Maite Deus (PSOE), o director do Parador Jose Antonio Cedena, varias concelleiras de Ferrol do PP e a presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz.

A directora de Turismo salientou a importancia económica que o sector turístico ten para Galicia, onde representa o “11% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e que o 12% dos empregos da nosa comunidade están vinculados con esta actividade”, o que a levou a aseverar “a importancia que ten o turismo na nosa economía e a capacidade que pode ter nun debate que esta moi de moda hoxe en día, como é o da fixación da poboación, e que os nosos mozos se poidan quedar na súa contorna e teñan as posibilidades de emprendemento ou de contratación”.

No que se refire ao turismo de Ferrol, e acudindo a fontes do Instituto Nacional de Estatística (INE), apuntou que “este é un destino que crece en interese por parte dos turistas, e demóstrase nos nove primeiros meses deste ano, onde ten aumentado a demanda hostaleira, coa chegada de mais de 43.600 viaxeiros, con máis de 94.000 noites, o que supón un crecemento dun 1% con respecto a 2018”.

Terceira cidade galega de mais días de pernocta

Nava Castro quixo incidir que “Ferrol é unha das grandes cidades galegas na que os turistas pernoctan máis días, só superada por Vigo e A Coruña, ocupando o terceiro lugar de Galicia, algo que é especialmente positivo para a cidade e o sector”.

En canto aos aspectos a mellorar, destacou a directora de Turismo da Xunta na necesidade de “desestacionalizar o turismo, sendo moito maior no verán, onde creceu até un 16% nos meses estivais”. Tamén destacou Castro que o “77% dos turistas que chegan a Ferrol son nacionais, polo 23% de orixe internacional, un número importante, sobre todo á hora de realizar accións no exterior”.

Peregrinos

A integrante do Goberno da Xunta tamén destacou o bos número que está a lograr o Camiño Inglés a Compostela, “un dos que ten máis anos de vida” e do que “no que vai de ano realizaron máis de 15.000 persoas este camiño, que son datos reais, da Oficina do Peregrino e que recollen a Compostela”, incidindo en que “estamos convencidos de que este número é moito maior, xa que non todos van recoller, por diversos motivos, esta acreditación” e que supoñen “un 11% máis de peregrinos con respecto a 2018 e ser ademais o quinto dos percorridos a Santiago por número de camiñantes, e que está a rexistrar un importante aumento”.

Por último, a preguntas dos medios de comunicación, sobre a inexistencia de ningún albergue público en Ferrol, a pesar de ser o inicio do Camiño do Inglés, Nava Castro apuntou que “estou de acordo en que teñen que haber un albergue, pero non teñen que ser todos públicos”, xa que estimou que estes “serven de locomotora e de motor, para que a xente e o propio sector privado vexa que hai unha oportunidade”, sentenciou.