A xornalista de Radiotelevisión Española Érika Reija, recibe en Ferrol o XVIII Premio José Couso de Liberdade


Ferrol, 28 de maio de 2022

Érika Reija, xornalista de Televisión Española, recibiu esta mañá no Centro Torrente Ballester de Ferrol o XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. A comunicadora luguesa manifestou o seu desexo de regresar "a unha Rusia máis libre" e dedicou o galardón aos xornalistas independentes dese país e aos informadores mortos, "especialmente na guerra de Ucraína".

Os actos de entrega a Érika Reija do XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol, tiveron lugar esta mañá en Ferrol. A xornalista luguesa recibiu o galardón deste ano despois de ter que abandonar a corresponsalía de Moscova de Televisión Española tras a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico.

O programa de actos iniciouse ás 11:00 no Centro Torrente Ballester coa recepción da premiada por parte do alcalde e a corporación municipal e a firma no libro de honra da cidade. Posteriormente, Érika Reija participou nun coloquio aberto coa xornalista ferrolá Patricia Hermida, no que se trataron temas como a situación do xornalismo en Rusia, a cobertura informativa da guerra de Ucraína ou os teitos de cristal da profesión. Reija relatou como foi o proceso que a levou a abandonar Moscova e expresou o seu desexo de regresar "a unha Rusia máis libre", ademais de reivindicar a necesidade da igualdade na profesión e de que os medios "aposten por un tipo de cobertura que de tempo e os recursos para informar ben". A xornalista quixo lembrar tamén o asasinato de José Couso, "que me confirmou que quería facer ese tipo de información" e tivo unhas palabras para Pablo González, pedindo que se aclare a súa situación e póidase pór en contacto coa súa familia. Por último, asegurou que "a pesar dos desgustos, sigo pensando, como Kapuściński, que esta é a profesión máis fermosa do mundo".

Ás 13:00 deu comezo a cerimonia de entrega do premio, presentada por Patricia Hermida no que Lorena Bustabad deu lectura ao manifesto "A profesión ou a vida", que escrito por ela xunto a Patricia Hermida e Marta Corral, denuncia que "á desigualdade histórica de ser muller" engádense outras dificultades para as profesionais dado que "o xornalismo ten os seus propios machismos". Unha situación sobre a que se impón a forma máis dolorosa de censura, a autocensura, de maneira que "nós, que pomos voz a tantos colectivos, calamos sobre nosa propia precariedade". A continuación, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, e o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, entregaron o XVIII Premio José Couso a Érika Reija, que manifestou sentirse privilexiada polo galardón e quixo dedicarllo á prensa rusa independente e a todos os informadores mortos, "especialmente na guerra de Ucraína", así como á súa familia. Pechou o acto o alcalde, Ángel Mato, quen agradeceu á organización o seu compromiso con Ferrol e destacou a importancia de ter uns medios de información independentes.

A celebración finalizou coa tradicional ofrenda floral na estatua “Ás Ceibes” de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde Reija leu o texto "Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade", redactado por ela mesma con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, no que fai un chamamento a volver ás orixes do xornalismo, primando "a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas que engaden máis ruído ou ideoloxía que unha información rigorosa, veraz e de valor".

A premiada

Érika Reija López, nacida en Lugo, é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e en Ciencias Políticas pola Universidade Nacional de Educación a Distancia. Especializada no mundo árabe. En 2004 entra a traballar en Televisión Española, como xornalista do equipo da Sección Internacional dos Telexornais. Foi enviada especial a diversos destinos, desde onde informou sobre a revolución da praza Tahrir en 2011 en Exipto, a caída de Gadafi en Libia ou o conflito entre Israel e Palestina pola Franxa de Gaza. Tamén cubriu o rescate dos mineiros chilenos de 2010 na mina San José.

No ano 2015 é nomeada correspondente de Televisión Española en Rabat e durante dous anos cobre a información de Marrocos para a cadea pública. En 2017 é enviada a Moscova para ocupar a corresponsalía da capital rusa, desde onde se cobre para a televisión pública a información sobre Europa Oriental. A zona non era descoñecida para ela, que xa en 2014 fora enviada especial durante a anexión rusa de Crimea. Desde Moscova cubriu acontecementos como a pandemia da covid-19, os recortes de liberdades, o efecto do cambio climático no permafrost siberiano ou a invasión de Ucraína.

O 5 de marzo deste ano, abandonaba Rusia tras a aprobación dunha nova lei que prevé sancións de até 15 anos de cárcere pola difusión de noticias que o goberno ruso considere como falsas. Radiotelevisión Española sumábase así a numerosos medios internacionais que decidían saír do país como medida de protección para os seus xornalistas ante a posible criminalización do seu traballo.

Reija foi galardoada co premio Entre Mulleres, outorgado polo Concello de Lugo, e o Premio Internacional de Xornalismo á Mellor correspondente española 2018, polo Club Internacional de Prensa e a Asociación de Correspondentes de Prensa Estranxeira.