Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol nas Conversas no Parador


Ferrol, 26 de maio de 2022

Na súa intervención no almorzo informativo Conversas no Parador que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, insistiu na petición ao Concello de Ferrol de que non demore máis a licencia municipal para a construción do albergue de peregrinos na Casa do Mar.

Hai máis dun mes que a Xunta adxudicou as obras de construción do novo albergue de peregrinos da Casa do Mar, pero a licencia do Concello de Ferrol segue sen chegar”, indicou Aneiros, quen lembrou que se trata doutra actuación estratéxica do Pacto de Estado, “cuxas obras xa poderían estar en marcha nun ano especial como o é este Xacobeo porque so están á espera da licencia municipal”.

A delegada territorial sinalou que se trata dunha obra cunha inversión próxima aos 500.000 euros que dotará a cidade do seu primeiro albergue público cunha capacidade de 60 prazas. Unha infraestrutura que cualificou de “necesaria” para Ferrol e avalada polo crecemento exponencial da afluencia de peregrinos que ten rexistrado o Camiño Inglés nos últimos anos, e que se ten convertido na terceira ruta que elixen os peregrinos.

Pacto de Estado por Ferrol

Martina Aneiros aproveitou a súa intervención para poñer en valor a creación da delegación como “a primeira das decisións que a Xunta asumiu no Pacto de Estado por Ferrol” e reivindicou o seu papel de vixía para que “se cumpran estritamente os compromisos da Xunta de Galicia e do Goberno central con Ferrol”.

A delegada do Goberno autonómico fixo un percorrido polas súas primeiras xestións ao fronte do organismo, como a reapertura do consultorio de Ferrol Vello, as primeiras reunións cos alcaldes da comarca, os encontros para a redacción do Plan Reitor de Usos e Xestión das Fragas ou a visita ao CPI As Mirandas coa que se desbloqueou o convenio para as obras de ampliación do centro educativo aresán.

Tamén realizou un balance das actuacións comprometidas pola Xunta de Galicia nese Pacto de Estado que supuxo un investimento de 81 M€ en 2021 e a previsión doutros 81,5 para este ano. A este respecto, aseverou que “a reactivación de Ferrolterra ten que ser unha obriga para o Goberno central, por ser a Administración da que dependen a maior parte das decisións vitais desta comarca”.

Entre estas puxo en valor as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) cunha inversión de 58 M€ que ademais de supoñer un incremento do espazo tamén suporá un incremento do número de servizos ofrecidos como cinco novas unidades de hospitalización (170 camas en total das que 14 serán de Pediatría), radioloxía vascular intervencionista e unha segunda resonancia.

Dentro destas obras inclúense as iniciadas esta semana para a ampliación do aparcadoiro do hospital Naval con 266 novas prazas e máis de 20 puntos de recarga eléctrica. Aneiros tamén lembrou que se está a ultimar o inicio doutra obra complementaria, a urbanización da rúa Doadores de Sangue, prevista para xuño e cun orzamento de máis de 900.000 euros. “Pero a pesar o esforzo inversor da Xunta, en Ferrol segue sen existir vontade de asinar un convenio de colaboración para estas obras”, apuntou en clara referencia ao goberno local.

Tamén destacou o investimento en mellora de infraestruturas viarias como os 12 M€ para as obras das estradas de Valdoviño-Cedeira (AC-566) e a primeira fase da de San Sadurniño-Ortigueira (AC-862), recentemente retomada. Con respecto a esta última vía, resaltou a aprobación onte, no Consello da Xunta, da autorización de expropiacións para acometer a segunda fase de acondicionamento, no tramo entre Campo de Hospital e Ponte de Mera, cun orzamento superior aos 7,5 M€.

Neste punto, Aneiros criticou a nula inversión do Goberno central para o proxecto de modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña para o que lembrou que o Goberno galego ten reservados 10 M€ plurianualizados, nos que se incluiría tamén a construción da estación intermodal.

A delegada territorial puxo ademais en valor a aposta da Xunta pola recuperación do barrio de Ferrol Vello, “orixe da cidade” e a súa declaración como sexta área Rexurbe de Galicia. Destacou os 1,7 M€ investidos para a rehabilitación de inmobles e a adquisición de 19 edificios e a previsión de investir outros 8,7 M€.

Neste sentido, anunciou que o próximo mes o Goberno galego fará entrega das chaves de dúas vivendas de promoción pública do primeiro edificio rehabilitado na rúa Argüelles, así como a saída, en réxime de alugueiro, dun baixo comercial.

Actividade económica de Ferrolterra

Na súa intervención, a representante da Xunta tamén lembrou o compromiso do Executivo galego coa recuperación da actividade económica en Ferrolterra como un dos piares do Pacto de Estado por Ferrol e destacou o impulso á creación do Centro de Excelencia do Naval (CESENA) ou a solicitude de participación da Xunta no Consello de Administración de Navantia da que, sinalou, “non temos resposta, unha vez máis”.

A Xunta está decidida a explotar todo o coñecemento e tradición industrial que atesoran as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”, dixo, e puxo como exemplo a recente firma dun convenio de colaboración co Concello das Pontes para impulsar a construción dun centro loxístico.