O alcalde de Ferrol acudiu hoxe ao ciclo 'Conversas non Parador' onde fixo balance da súa xestión durante esta lexislatura e puxo en valor as súas accións de goberno


Ferrol, 09 de xuño de 2022

Mato licitou en tres anos 2,4 millóns máis que Rey Varela durante a súa maioría absoluta

O alcalde, Ángel Mato, participou esta mañá no ciclo Conversas non Parador, que organiza o Club de Prensa de Ferrol. A petición da presidenta da entidade, Julia Díaz, que presentou o acto, o rexedor fixo un balance do tres anos de mandato. "ando escoito a crítica de que en Ferrol hai un goberno desbordado, paralizado e outras cousas máis, acudo aos datos", explicou Mato para enumerar e sacar a relucir algunhas cifras recollidas nos portais de transparencia do Concello e de contratación do sector público. “Levamos gobernando desde o 2019. O volume de licitación nestes tres anos é de 28,7 millóns de euros”. Entre o 2015 e o 2019 “durante o goberno de Ferrol en Común adxudicáronse 14,6 millóns de euros”. E entre o 2011 e o 2015, tamén en catro anos, “con 13 concelleiros coa maioría absoluta de Rey Varela, adxudicáronse 26,6 millóns de euros”. “Ese goberno desbordado, paralizado, que non fai o seu traballo, en só tres anos adxudicou 2,4 millóns de euros máis que o goberno de 13”, dixo Mato. Ademais, lembrou, neste momento atópanse en proceso de licitación contratos por un valor de 4,1 millóns de euros máis, co que a cifra nos próximos meses incrementarase até os 32,8 millóns.

O alcalde socialista repasou algunhas das actuacións que se realizaron desde o 2019 en materia de obras, como a rehabilitación de edificios en Recimil, o cambio de firmes na praza do Callao e na rúa Lugo, a reparación de estradas como a que une Papoi con Mandiá, a avenida de Esteiro, a avenida do Mar, o novo acceso ao cemiterio de Serantes, a reurbanización da rúa Espartero e de Carme Curuxeiras, a urbanización de Basanta, a rehabilitación da torre da batería baixa de San Felipe, a estrada Catabois-Mandiá ou a ampliación da estrada de Pazo.

Tamén lembrou que neste momento hai en marcha destacadas intervencións como son o parque de Fontelonga, a rúa da Igrexa, a rúa de Pardo Baixo ou a reparación de servizos de Cidade Xardín, ás que de forma inminente vanse a unir a reparación das cubertas do mercado da Magdalena e do edificio do Concello.

Máis prazas de aparcadoiro creadas

O alcalde asegurou que nese conxunto pódese ver o seu modelo de cidade, “máis humana, onde as persoas recuperen o espazo público”, buscando alternativas ao estacionamento dos vehículos nas rúas. Nese sentido, lembrou que desde a súa chegada ao goberno local creáronse máis prazas de aparcadoiro gratuíto que as que se eliminaron, en referencia ás 256 que suman “os dous únicos aparcadoiros públicos municipais que se crearon en Ferrol en moitos anos”, como son o de Canido (133 prazas) e o do CHUF (123). Aínda así, asegurou que o goberno local traballa para habilitar novos espazos que dean cabida aos vehículos privados para que non ocupen as rúas.

Outros asuntos sobre os que incidiu o rexedor respecto á xestión deste tres anos foron a rehabilitación de vivenda “punto no que quixo destacar a contribución económica do Estado”, o traballo desenvolvido para dar soporte aos pequenos empresarios a través de catro programas de axudas nos que Concello e en parte a Deputación, mobilizaron ao redor de catro millóns de euros, ou o arranxo de problemas históricos. Entre estes últimos mencionou o desbloqueo, tras máis dunha década, dos servizos públicos de Cidade Xardín, a recuperación dos fondos do Ateneo, o inicio da remodelación da avenida das Pías ou o desbloqueo da ampliación do hospital. Ademais, nos próximos meses está previsto, avanzou, iniciar a licitación da derriba da nave provisional do mercado e someter ao pleno tanto as contas de Emafesa como o protocolo de execución concertada coa empresa de augas e o convenio co Ministerio de Defensa.