O Humor desde Ferrol: Siro e Xaquín Marín

Siro López, Xaquín Marín · 2009 | 283 páxinas

Este Caderno que hoxe lle ofrecemos coa revista FerrolAnálisis, é un agasallo de moito mérito porque nel vai atopar unha mostra significativa da obra artística de Siro López e de Xaquín Marín, dous grandes artistas que triunfaron como debuxantes e humoristas gráficos. É unha sorte poder reunir neste exemplar obras de dous autores tan importantes. Pois iso é o que hoxe lle ofrecemos, e será vostede, sen dúbida, quen mellor valore a importancia real deste Caderno.

A revista FerrolAnálisis -o seu Consello de Redacción e os seus lectores- quería homenaxear a estes dous grandes artistas, tan próximos, por veciñanza, como admirados por todos nós. Xuntalos nunha publicación da revista pareceunos unha maneira formal e adecuada para este agasallo de admiración e recoñecemento. Porque estamos convencidos da enorme importancia que tiveron e seguen tendo Xaquín Marín e Siro López no presente do humor gráfico galego. Cada un á súa maneira, durante moitos anos e desde as páxinas da prensa diaria, foron quen de arrincarnos un sorriso mañaneiro, que era unha boa maneira de empezar a xornada. Segundo aquel aforismo que advirte de que "o día no que uno non ri é un día perdido", grazas a eles nós, os lectores, gañamos moitos días. E esa é unha débeda que temos con eles. Esta homenaxe é unha maneira de empezar a saldala.

Pero o que a Siro e a Xaquín Marín fai realmente grandes como artistas é a súa dimensión humana, subxacente en cada debuxo. Ao humor evidente na plasticidade da composición, hai que sumarlle a denuncia social que se albisca por baixo das liñas, a tenrura de cada trazo, a solidariedade de cada recta ou de cada curva. A calidade humana súmase á calidade artística, e o resultado é esa plasticidade estética que tanto admiramos en Xaquín e en Siro, e que queremos confesarlles coa publicación deste Caderno.