O Club de Prensa de Ferrol é unha asociación cultural, sen ánimo de lucro, que agrupa a un colectivo de socios vinculados aos medios de comunicación.

Foi fundado en 1987, como entidade lúdico-cultural, contando entón cun cincuenta socios, formando a xunta directiva Germán Castro, presidente, Rosa Cal, Carlos Agulló, Rodrigo Ramos Ardá, Beatriz Picos, Xulia Díaz Sixto, José Manuel Orriols e Bernardo Castelo.

Desde entón o club realizou unha intensa actividade. Publicacións, conferencias, exposicións, coloquios..., logrando un gran prestixio, en Ferrol, en Galicia e recoñecido polo mundo cultural como unha das grandes asociacións culturais relacionadas cos medios de comunicación.

O 7 de xaneiro de 2015 recibimos a Insignia de Ouro da Cidade de Ferrol, de mans do alcalde José Manuel Rey Varela.

Ferrol e o Camiño Inglés

Documental de Mario LLorca Loureiro

Un proxecto do Club de Prensa de Ferrol, beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.

A ruta do Camiño Inglés que parte de Ferrol é un itinerario a Santiago que ata hai pouco non estivo moi recoñecido a pesar de ser un percorrido moi antigo. Ten a singularidade de superar os cen quilómetros, e polo tanto con posibilidade de acadar a “Compostela”. A narración segue unha estrutura semellante ás seis etapas do camiño, polo que partindo de Ferrol continúa polos concellos de Narón, Neda, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Bruma, Ordes e Sigüeiro, rematando en Santiago de Compostela. Unha ruta que nos fai camiñar e desfrutar da esencia de Galicia, a través da súa xeografía marítima, urbana, e rural. Dunha paisaxe na que o mar, os ríos, bosques, pobos, e camiños, falan de nós porque a paisaxe de Galicia é unha paisaxe fondamente humana. O documental amosa e subliña o potencial do Camiño Inglés que hoxe por hoxe é xa, o terceiro dos Camiños Xacobeos en número de peregrinos.

30º Aniversario
do Club de Prensa de Ferrol

17 de novembro de 2017

Vídeo, de 17 minutos de duración, que fai un percorrido por todas as actividades desenvolvidas pola entidade cultural e de comunicación da nosa cidade que, na súa inmensa maioría, perduran na actualidade.

Últimas Noticias