Rosario Sarmiento presentou no Ateneo Ferrolán o documental + Arte+Muller+Galicia
O venres 20 de maio o Club de Prensa de Ferrol presentou no Ateneo Ferrolán o documental Arte+Muller+Galicia que baixo a dirección da historiadora e crítica de arte Rosario Sarmiento, foi un dos proxectos galardoados no I Concurso de Ideas "Luísa Villalta" de Iniciativas Culturais pola Igualdade, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.
O documental Arte+Muller+Galicia, expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da Arte Contemporánea en Galicia. A través das biografías, as obras e fundamentalmente os testemuños destas artistas pertencentes a diferentes ámbitos creativos e xeracionais, Arte+Muller+Galicia debuxa un amplo e plural escenario de reflexión sobre as circunstancias que rodearon a súa carreira como creadoras. E engade tamén a reflexión de dez figuras clave na Arte Contemporánea Galega sobre o feito de ser muller e o desenrolo da súa traxectoria profesional e, sobre todo, a súa presenza e protagonismo nos espazos de poder e decisión.
Estas dez creadoras, que participarán na exposición, "Mulleres do Silencio" comisariada por Rosario Sarmiento, son Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmeiro, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal, que sendo de diferentes tendencias artísticas e xeracionais, relatan as circunstancias que rodearon o seu traballo, a súa proxección profesional, e cal é a súa opinión sobre o que significa ser muller artista en Galicia. "Recoller as súas opinións, como mulleres e como artistas, supón unha chamada de atención sobre os factores que marcan a desigualdade: son a falta de seguridade en si mesmas e o seu traballo, as dificultades para conciliar a vida persoal e profesional e, especialmente, a eterna necesidade non só de mostrar senón de demostrar as propias capacidades profesionais", sinalou no decurso da presentación Rosario Sarmiento nun posterior debate que tras a proxección do documental se desenrolou.
O documental Arte+Muller+Galicia, ponnos diante das dificultades das mulleres no eido das artes plásticas e faino cunha extraordinaria beleza visual e pedagóxica que o fai imprescindible nun fondo documental sobre a arte e a igualdade que debería amosarse no eido formativo e educativo.