Os Fotógrafos Miguel Ángel López e Brais Lorenzo recibiron os galardóns da XXXIV edición de “Galicia en Foco” polo seu destacado labor en fotografía de prensa e reportaxes sociais


Ferrol, 13 de decembro de 2025

A inauguración da exposición e entrega de premios da 34ª edición do certame de fotoxornalismo “Galicia en Foco” que organiza o Club de Prensa de Ferrol tivo lugar o venres 12 de decembro, no transcurso dun acto que estivo presidido polo Concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far.

Despois da inauguración que contou cunha grande asistencia de fotoxornalistas e de público en xeral, o fotoxornalista Miguel Ángel López, recibiu de mans do Concelleiro de Cultura, D. José Antonio Ponte Far, o Premio da “Foto do Ano” de Galicia en Foco pola foto “Política Municipal”, publicada no xornal La Región de Ourense o 18 de xaneiro de 2024. A foto premiada foi valorada polo xurado “por ilustrar nunha simple instantánea a realidade do acoso laboral ao que se ven sometidos a diario moitos traballadores, e exemplificar as formas pouco democráticas dalgúns dos representantes da nova política”.

Tamén o fotoxornalista Brais Lorenzo, recibíu o seu Premio á “Serie do Ano” de Galicia en Foco pola serie “O Grande Esmorecemento”, publicada no semanario Sermos Galiza o 21 de setembro de 2024. A serie premiada foi valorada polo xurado “por capturar maxistralmente a forma de vida daqueles que se resistiron e resisten a abandonar o rural galego, e que contribúen a preservar do esquecemento a nosa cultura e patrimonio, nun tempo de homoxeneización e aceleración global”.

Tanto o Premio “Foto do Ano” como o da “Serie do Ano” de Galicia en Foco, constan dunha figura de Sargadelos que fora especialmente deseñada por Isaac Díaz Pardo para este certame, e unha dotación económica de 750 euros para cada fotoxornalista premiado.

A Exposición da 34ª Edición de Galicia en Foco permanecerá aberta na Sala de Proxectos do Centro Torrente Ballester de Ferrol desde o 12 de decembro ata o 25 de Xaneiro de 2026.