O xornalista Xosé Hermida gañador da XIII Edición do Premio José Couso da Liberdade de Prensa


Ferrol, 8 de abril de 2017

O xornalista galego Xosé Hermida é o gañador da XIII Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. O fallo deuse a coñecer esta mañá, coincidindo co decimo cuarto aniversario do asasinato de José Couso, no Centro Torrente Ballester de Ferrol.

O acto contou coa participación de Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas e Jorge Suárez Fernández, alcalde de Ferrol.

O PREMIADO

Xosé Andrés Vázquez Hermida (Boiro,1963) foi correspondente, subdelegado e finalmente delegado en Galicia de El País. Tras o peche da edición galega en 2015, sigue trabajando para El País en Madrid e, recentemente, é nomeado delegado en Brasil.

Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago, comezou a execer o xornalismo en 1983, como correspondente de El Correo Gallego no Barbanza. Posteriormente incorporouse á redacción en Santiago, onde fixo reportaxes e información política. En 1986 gañou un dos Premios Galicia de Xornalismo no apartado de política. Estivo dous anos na Radio Galega, onde dirixiu o informativo da noite. A partir de 1989, comezou a traballar como correspondente de El País en Galicia, onde estivo ao frente da redacción galega do xornal entre 2008 e 2015. Despois incorporouse á redacción central en Madrid, onde exerceu de reporteiro na revista El País Semanal.

Dende o pasado febreiro é correspondente de El País en Brasil e responsable da edición dixital en portugués do xornal nese país.