O peso do fluxo inmigrante centrou o debate na última xornada do Curso “Carlos Gurméndez”
Valeriano Gómez e o catedrático de Economía Santos Ruesga foron os relatores.
A terceira e derradeira xornada do XXVI curso Carlos Gurméndez tivo un notable peso económico, demográfico e sociopolítico, clave no tema tratado durante as xornadas sobre os retos da inmigración organizadas polo Club de Prensa de Ferrol co patrocinio da Universidade, Concello de Ferrol e Xunta de Galicia.
Os protagonistas da palestra final foron o ex-ministro de Traballo e Emigración, Valeriano Gómez, e o catedrático de Economía da Universidade Autónoma de Madrid, Santos Ruesga, que pronunciaron sendas conferencias inzadas de datos e que motivaron un animado diálogo final co numeroso público asistente.
O ex-ministro Gómez analizou o peso da demografía e a produtividade no futuro económico español ao abeiro da presenza de inmigración do país. Sinalou que España é o segundo país no mundo no que máis medrou a poboación estranxeira no século lo XXI, pasando do 4% ao 14%, e segundo en que zonas (Cataluña, Madrid…) ata nun 20%, contando coa segunda xeración.
Os desafíos para Gómez están no que se queira facer co fluxo inmigrante: “se non se quere que este medre, a economía española deberá ser máis produtiva, deberá incrementar a súa natalidade (algo imposible a curto prazo pero si a medio) e deberá poder complementar a cotización de prestacións ou pensións co alongamento do traballo da poboación nacional durante máis anos”. “Do contrario –opinou Gómez–, o fluxo mígrante irá a máis”.
Pola súa banda, para Santos Ruesga o fluxo inmigrante vai a máis no mundo, con 300 millóns de persoas na actualidade, algo que se multiplicou por seis en catro décadas e ten entrado na política nun debate intenso.
Tras analizar a historia dos movementos migratorios no mundo, vellos como a humanidade e de diversas naturezas, non só económica, calculando nuns 52 millóns os migrantes por con-flitos, o economista sinalou que a maioría desprázase á Unión Europea, Estados Unidos e Canadá e o fan desde países con ingresos medios, non baixos, como os latinoamericanos.
Estes mígrantes, que chegan en avión na súa inmensa maioría, non en patera, mandan remesas aos seus países que nalgúns casos supoñen o 20% do seu PIB. O seu traballo consiste en labores que moitas veces non quere facer a poboación nacional.
En canto ao proceso de integración, Ruesga falou do éxito español con respecto ao resto da UE debido á proximidade idiomática e cultural da maior poboación foránea procedente de Latinoamérica. Unha vantaxe na asimilación con respecto a outros países europeos como Francia ou Alemaña, que evita a xenofobia que se ve noutros lados ou no populismo de países como os Estados Unidos de Trump.
Ruesga destacou tamén que a inmigración dáse nunha economía que funciona e que cando foi a crise de 2008-2015 “moita xente regresou a Quito, Lima ou Bogotá”. Sería desexable, salientou finalmente o profesor, que “se implementase unha política común europea para facer fronte aos desafíos, ao complexo escenario que se presenta, e adecuar a oferta de traballo para evitar as tensións crecentes, o problema do envellecemento da poboación autóctona e repensar algún sectores masificados como o turismo”. “Xa que sen inmigración non será posible cubrir as necesidades socioeconómicas derivadas do envellecemento e se poñerá en perigo o funcionamento futuro dos mercados de traballo e os sistemas de seguridade social e “tensións””, concluíu.

