O Gurméndez despídese tras reflexionar sobre a nova orde mundial e os seus retos


Ferrol, 05 de xullo de 2024

Germán Castro, con Jesús Núñez, primeiro poñente de onte I E. Cortizas. Anna Caballé e Salvador Naya completaron o elenco de conferenciantes.

A vixésimo quinta edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez chegou hoxe á súa fin no salón do actos do Campus Industrial de Ferrol cunha serie de reflexións sobre os retos que a sociedade ten por diante –e no presente– e a importancia de establecer e reforzar os criterios éticos na acción política e tamén na maneira de abordar novas formas de coñecemento e creación como a Intelixencia Artificial.

O nivel das conferencias da cita, que tocou desde diferentes puntos de vista a Nova Orde Mundial, non defraudou e os asistentes puideron gozar das intervencións de Jesús Núñez, codirector do Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria –Idecah–; Anna Caballé, responsable da Unidad de Estudios Bibliográficos da Universitat de Barcelona e especialista en Concepción Arenal; e Salvador Naya, catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña. Os tres amosaron que a capacidade de análise e o compromiso ético non están rifados coa amenidade na exposición.

Jesús Núñez

O ferrolán Jesús Núñez, analista de prestixio sobre conflitos internacionais, debullou un panorama escuro. Hai hoxe en día 56 conflitos armados no mundo, o número máis alto, lembrou, desde o remate da Guerra Fría, con máis de 162.000 mortos por esta causa só o ano pasado. Ademais de definir a guerra como “o fracaso da política”, cargou contra “a hipocrisía actual das regras de relación flexibles dependendo de a quen se lle apliquen”. “Catorce sancións a Rusia por incumprir, e Cero a Israel por incumprir”, dixo.

Núñez foi crítico co papel da ONU, pero recalcou que mellor con ela que sen ela. Sobre o papel da Unión Europea, dixo que o seu traballo está a medio facer aínda que é o exemplo de resolución pacífica de conflitos na historia. Para el, o problema é a “falta de unión” con tendencias europeístas, atlantistas e neutrais e dúas materias problemáticas: “a migración, que é necesaria, e a transición enerxética”. Isto, remarcou, “nun contexto de aumento do gasto militar no mundo (2,4 billóns de dólares o ano pasado) fronte a unha necesidade de prevención de conflitos e cultura da paz”.

Anna Caballé

Anna Caballé, pola súa banda, manifestou a necesidade de apostar polo humanismo fronte á tecnoloxía, a falta de temor aos cambios” e criticou a lectura negativa que se estaba a facer hoxe do ser humano, cun “pesimismo irracional” que goza de prestixio e presenza mediática. Os protagonistas demostraron que o rigor e o compromiso non son incompatibles coa amenidade. Tamén sinalou que, habendo aínda problemas, “os dereitos das mulleres, dos máis febles, ou o respecto aos animais medra comparado co pasado”. Tamén citou a Nietzsche e a Morin cando dixo que nun mundo cada vez máis complexo “a nostalxia do pasado tende a idealizado –algo que axuda a explicar o auxe da extrema dereita– e, no sentido contrario, debe facerse crítica ao pasado, pero valorando o que ten de bo”. Cun “sempre hai que seguir vivindo, así que eu son optimista” rematou o seu discurso.

Salvador Naya

Pechou as conferencias o catedrático Salvador Naya, quen fixo un repaso pola historia da Intelixencia Artificial, á que se referiu como o “petróleo do século XXI”. Explicou que os algoritmos que invaden a vida toman decisións en base aos datos, e que a IA é a nova industria. Referiuse o profesor a programas concretos, como os que, “axudándose da intelixencia artificial, emprega o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, para a mellora dos procesos produtivos e do propio estaleiro”. Tamén fixo alusión ao conflito entre as posibilidades que se abren e a ética, e avogou por unha regulación da Intelixencia Artificial, sempre desde a ética.

A 25ª Edición do Curso Carlos Gurméndez finalizou cun acto de homenaxe ao Filósofo das Paixóns, que consistiu na presentación do libro “Gurméndez nun café de Delft”, do que é autor Eduardo Fra Molinero, traducido ao galego para a ocasión polo profesor Xosé María Dobarro Paz, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da UDC. A posterior lectura dramatizada desta mesma obra que dirixida por Helga Méndez, de Maquinarias Teatro, foi interpretada por Loreto de Castro e Manuel López, puxo fin á 25 ª edición do Curso Universitario “Carlos Gurméndez”.