“O Galego no Ensino: en memoria de Antía Cal”, lección inaugural de Valentín García da 23ª edición do Curso “Carlos Gurméndez”


Ferrol, 07 de xullo de 2022

“Somos unha das poucas culturas do mundo que ten como referencia, como emblema unha muller: Rosalía de Castro”

A Muller na Ciencia e na Cultura, tema referencial da 23ª Edición do Curso de Pensamento e Comunicación “Carlos Gurméndez” que organizado polo Club de Prensa de Ferrol, tivo como marco o Salón de Actos “Concepción Arenal“ do Campus Industrial de Ferrol, supuxo toda unha aportación significativa no papel que ten desenrolado a muller na ciencia e na cultura. Un tema que xa quedou de manifesto na Lección Inaugural impartida polo Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, sobre “O Galego no ensino: en memoria de Antía Cal”.

Presentado por Germán Castro, xornalista e Presidente de Honra do Club de Prensa, Valentín García comezou a súa disertación salientando o legado de Antía Cal, “unha muller que despois dunha vida de 98 anos acaba de deixarnos, cuxa figura e legado aínda non é suficientemente coñecido, porque as innovacións que introduciu están a par de outros nomes de mulleres de prestixio galegas”.

Encadrouna como continuadora dunha cultura que ten como referente a Rosalía de Castro, “somos unha das poucas culturas do mundo que ten como referencia, como emblema unha muller, e non un home” e sinalou unha serie de nomes de homes referentes, como Shakespeare, na cultura inglesa, Camoés da cultura portuguesa, Cervantes da española, para subliñar que “a figura da nosa literatura, a figura destacada do rexurdimento, é unha muller, o noso buque insignia é Rosalía de Castro. Unha muller que da idea da estrutura da nosa sociedade ao cabo dos séculos. A presenza da muller na sociedade galega, ese matriarcado que nos foi conducindo desde as nosas estruturas mais primarias no ámbito socioeconómico, chama a atención” e continuou, “como chama a atención si vemos o catastro das aldeas e comprobamos que as propietarias das terras son mulleres e non homes, porque isto forma parte do noso acerbo galego”.

Foi unha auténtica lección de achegamento e descubrimento do legado de Antía Cal, unha muller que continuo o camiño de outras mulleres pioneiras como Pura e Dora Vázquez, mestras de Ourense e creadoras literarias, as que seguiron outras como Luz Pozo e Xohana Torres, para deterse polo miúdo na figura de Antía Cal, filla de emigrantes galegos na Habana, onde naceu en 1923, e que regresou cando tiña nove anos. Unha muller que quixo ser mestra. Pero, "onde están as fontes desa nena que veu da Habana, que fixo Maxisterio e logo Filosofía e Letras?". Pregunta que lanzou ao aire, Valentín García, para engadir despois, “esas fontes viñeron do mundo da renovación pedagóxica, da psicoloxía cognitiva, onde ela se vai formando e que mais tarde estarán presentes na súa Escola Rosalía de Castro que fundará en Vigo en 1961”.

Reparou en que Antía Cal (Tita), non estaba soa, estaba con Antón Beiras, irmán de Manuel Beiras do partido Galeguista. Antón Beiras era un dos mais celebres oftalmólogos que había en Galicia naqueles tempos, debido a que descubrira un instrumento para corrixir o estrabismo, ao que chamou “Vigoscopio”. Este descubrimento fíxoo viaxar polo mundo, dando conferencias e ensinando o instrumento. Viaxes ás que ía acompañado por Antía, quen en Xenebra coñeceu a un pedagogo que lle falou da importancia da educación en igualdade para as mulleres, algo que en España, naqueles tempos non estaba socialmente ben visto para a muller. Tamén a apercibiu, da importancia de coñecer e estudar outras linguas.

Todo iso estará presente, na Escola Rosalía de Castro, “que é toda unha declaración de intención de Antía Cal. Un tipo de educación “á que a ditadura franquista poñía moitos atrancos. Pero a súa escola foi unha innovación total no campo da educación, porque “parte das clases dábanse en inglés, outras en castelán e outras dábanse en lingua galega, e as aulas tiñan nomes de galegos e persoas, como “Alexandre Bóveda”, “Marie Curie”, e había unha forte concienciación no ámbito da educación para as mulleres”. Neses tempos o colexio Rosalía de Castro vai ser o colexio mais importante de Vigo, onde van a estudar os fillos da burguesía.

Antía Cal, desempeñou un papel importante no eido da creación, nunha época na que non había publicacións de altura, Antía fará libros para ensinar a historia da arte aos nenos. Da súa autoría son “O libro dos nenos. Enciclopedia para o neno galego”,"O arte e a sua historia" e outros libros necesarios porque a pobreza intelectual daquela época foi moi grande. Foi unha muller que tivo unha carreira intelectual moi importante e foi recoñecida con numerosos premios e ata os seus últimos días desenrolou unha fecunda actividade docente e social de impulso da súa idea. O descubrimento da figura e obra da pedagoga Antía Cal, que nos deixou o 30 de marzo deste ano 2022, foi unha fermosa maneira de comezar este Curso de Pensamento e Comunicación “Carlos Gurméndez” que ten como obxectivo afondar no papel da Muller na Cultura e na Ciencia.