A muller na ciencia e na cultura tema de reflexión e análise na 23 Edición do Curso de Pensamento “Carlos Gurméndez”
A muller na ciencia e na cultura é o tema da 23 ª edición do curso de Pensamento “Carlos Gurméndez” que desde a mañá deste mércores 6 de xullo e ata a tarde do venres 8 de xullo, celebrarase no salón de actos do Vicerreitorado do Campus de Ferrol da UDC.
No acto de inauguración participaron a Delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, a Vicerreitora do Campus de Ferrol, Mª Jesús Movilla, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, o Director do Curso, Alberto Sucasas, a Coordinadora do mesmo Esperanza Piñeiro e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz.
Todos eles destacaron a temática dun curso dedicado a analizar o papel da muller na ciencia e na cultura, co rigor académico que acreditan os relatores que intervirán ao longo do mesmo, e mostraron a súa satisfacción por retomar a celebración do “Gurméndez” despois da obrigada ausencia por causas da pandemia. A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, entidade organizadora do curso mostrou o seu agradecemento á UDC, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a súa colaboración e axuda para levalo a cabo o curso desta 23ª edición que si non fora polas medidas sanitarias derivadas de Pandemia da Covid, sería o curso do 25 aniversario. Baixo o lema A muller na ciencia e na cultura ao longo deste curso analizarase o papel que a muller ten desenrolado no mundo da ciencia e das diversas manifestacións culturais, tanto no pasado como no presente sen esquecer as previsións de futuro. Todo elo da man de destacados/as e prestixiosos/as relatores que interveñen no mesmo.
Así a lección inaugural foi impartida polo Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, quen disertou sobre O galego no ensino: en memoria de Antía Cal, á que se referiu como unha figura moi importante no mundo da cultura e do ensino de Galicia, que con 98 anos, acaba de deixarnos, e o seu legado aínda non é suficientemente coñecido, polo que considerou moi necesario contribuír ao seu recoñecemento, así como a de outras mulleres que figuran no programa do mesmo, para continuar referíndose ao papel da muller como referente da cultura galega do que é referente Rosalía de Castro. Na xornada da tarde, foi Ana María Iglesias Galdo, profesora na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, a que interveu sobre O papel emancipador da educación para as mulleres. Despois, José Manuel Mouriño, do Instituto Internacional Andréi Tarkovski, presentou El método de los claros (2019), documental sobre María Zambrano.
O Xoves 7 de xullo Rosario Sarmiento, Comisaria e crítica de arte, intervirá sobre A Presencia da Muller na Arte, cun percorrido pola historia da aportación das mulleres ao mundo das artes plásticas. Posteriormente, a Doutora en Filosofía e Catedrática de Filosofía Política na Facultade de Filosofía da USC, María Xosé Agra, intervirá sobre o tema Disque hai mulleres: o pensamento filosófico. Na tarde do xoves 7 de xullo, o salón de actos no que se está a desenrolar o Curso Carlos Gurméndez será escenario dun extenso e interesante intercambio de experiencias das participantes na mesa redonda sobre Situación das mulleres científicas e tecnólogas no panorama actual, que moderada por Ana Isabel Ares Pernas, directora do Campus Industrial de acollerá como intervintes a Anne Gosset, directora técnica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais; María José Abad López, subdirectora da Oficina para a Igualdade de Xénero; Vanessa Valdiglesias García, Área de Bioloxía-Xenética; Ana Xesús López Díaz, presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia; Teresa Piñeiro Otero, directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas, e Verónica Bolón Canedo, Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial.
A maña do venres 8 de xullo estará protagonizada polo profesor da UDC, Alberto Sucasas Peón, que fará un percorrido por Tres pensadoras (Eloísa; Lou Andreas-Salomé; Simone de Beauvoir) e as súas parellas, e por Cristina Oñoro profesora na UCM, Doutora europea en Teoría da literatura e Literatura comparada e licenciada en Filosofía quen disertará sobre o tema Que entre os homes se fale o menos posible de vosoutras: voces esquecidas da nosa historia. O curso dedicará a tarde do venres a dúas figuras de sona mundial e con especial relación con Ferrol, como é o caso de Ángela Ruiz Robles (Doña Angelita), a mestra, escritora, inventora, entre outras cousas, da “enciclopedia mecánica”, cuxa obra será analizada pola Educadora e Coordinadora de “Ferrol en Femenino”, Rosa Millán, no relatorio A política do desexo. Ángela Ruiz Robles, precursora do “e-book”. O colofón do curso terá de protagonista a Germán Castro, presidente fundador e de honra do Club de Prensa de Ferrol, que ven de presentar o libro “Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos” realizado por Germán Castro co fin de “rescatar e divulgar a figura da oceanógrafa ferrolán”, quen disertará sobre Ángeles Alvariño, aproximación ao rostro humano da oceanógrafa ferrolá.
Esta 23ª edición do Curso Gurméndez foi moi ben recibida polos alumnos que veñen matriculándose nel, o que o converte nun dos cursos de verán que gozan de maior prestixio entre un alumnado constituído por profesores e alumnos universitarios que compoñen o groso da matrícula. Ademais ten aprobada a homologación de 20 horas para o profesorado de ensino non universitario de actividade de formación permanente pola consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O certificado de asistencia obtense pola permanencia dun mínimo do 85% das sesións do curso.