Descripción del proyecto

O Futuro das Humanidades no Campus de Ferrol a exame, nas Conversas no Parador coa decana Manuela del Pilar Santos Pita


Ferrol, 04 de xullo de 2019

A decana da Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol, Manuela del Pilar Santos, compareceu o martes 4 de xuño nas Conversas no Parador de Ferrol, onde informou polo miúdo das titulacións da Facultade ante a desaparición da titulación do Grao en Humanidades. A decana, que xa tiña participado nas Conversas no Parador en xuño do pasado ano 2018, no que destacara a aposta decidida da Universidade da Coruña polas Humanidades e os novos proxectos que se estaban a estudar para dotar a Facultade de novas titulacións, comezou a súa disertación asegurando que a Facultade estaba nun proceso de “renovación e transformación, e non de peche”, polo que afondou nas titulacións actuais e de gran demanda polos alumnos e nos estudos e propostas que xa moi avanzadas, están en fase de resolución por parte das autoridades académicas e da Xunta de Galicia. Incidindo en que a Facultade está en proceso de transformación, Manuel del Pilar Santos, referiu ante os presentes as titulacións que se imparten no Campus de Ferrol, e as que están en fase de estudo para implantarse no curso 2020-2021.

ESTADO DAS TITULACIÓNS

Sobra o Grao en Xestión Industrial de Moda, posto en marcha no curso 2018-2019 , tivo que ampliar a matrícula a 80 alumnos, e para o curso 2019-2020 admitirá a outros 50 novos alumnos. O novo Grao de Xestión Dixital da Información e Documentación, que substituíra ao actual Grao de Información e Documentación, do que está previsto ofrecer 45 prazas e que segundo a decana Manuela del Pilar Santos, "é unha resposta á necesidade de expertos nas novas tecnoloxías para a xestión da información". Grao en Estudos Globais, no que se está a traballar para lograr a súa implantación no curso 2020-2021. A Memoria deste título xa fora aprobada en xullo de 2018 pola UDC e agora volve a estar en fase de exposición. A nova titulación abarcaría estudos sociais, económicos, dereito, comunicación, e outras temáticas. Trátase dun Grao que xa foi implantado pola Universidade Pompeu Fabra e pola Universidade de Salamanca e que sería único no sistema universitario galego. “Sería un grao de tres anos, con dous itinerarios: un dedicado a Modelos de Cooperación e outro a Desenrolo Sostible". De ser aprobado sería moi interesante para os sectores que necesitan profesionais especializados nestas áreas.

Na súa relación incluíu tamén o Mestrado en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas e os dous Doutorados que acadaron prestixio internacional. Todo un proceso de adaptación da UDC para que desde a Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol, se poidan impartir titulacións que formen a futuros profesionais nestas áreas de traballo e que están en fase de tramitación.

Na foto do CPF, a decana Manuela del Pilar Santos entre José Antonio Cedena e Julia Díaz.