O Curso de Pensamento Carlos Gurméndez analizará "Un século de imaxes. Comunicación, arte e sociedade"
No vicerreitorado do Campus de Ferrol tivo lugar o na mañá do 26 de xuño a presentación do XX Curso de Pensamento Carlos Gurméndez que organiza o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración da Universidade da Coruña, Campus Ferrol e o patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia.
O curso desenrolarase do 5 ao 7 de xullo no salón de actos do Campus de Esteiro, baixo a dirección do profesor Alberto Sucasas. Esta XX edición transcorrerá ao redor de "Un século de imaxes, Comunicación, arte e sociedade". Entre os poñentes figuran destacados especialistas de varias universidades do estado (Vigo, Deusto, Estremadura, A Coruña, Barcelona e Madrid), e contará ademais coa participación de profesionais do sector como a produtora ferrolá Chelo Loureiro, e os xornalistas Carlos Hernández e Dani Rocha. Tamén está prevista unha conferencia e unha proxección sobre os 25 anos do certame "Galicia en Foco" que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol.
A inscrición é totalmente gratuíta e os que desexen anotarse poderán facelo a través da Web do Club de Prensa de Ferrol ; chamando ao 661 331 986 , ou ata as 11 horas do día 5 no paraninfo da Universidade.
Na gráfica de esquerda a dereita: Xulia Díaz (presidenta do Club de Prensa), Araceli Torres (vicerreitora do Campus Ferrol), Alberto Sucasas ( director do Curso) e Esperanza Piñeiro (coordinadora).