O Curso Carlos Gurméndez analiza os “Retos das migracións”


Ferrol, 02 de xullo de 2025

O salón de actos do Campus Industrial de Ferrol acollerá as tres xornadas do mesmo tema

Hoxe 2 de xullo inaugurouse no Campus ferrolán a edición número 26ª do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez que como cada ano organiza o Club de Prensa de Ferrol no salón de actos Concepción Arenal, coa colaboración da Xunta de Galicia , do Concello de Ferrol, e do Campus Industrial de Ferrol da UDC.

Na apertura participaron as directoras do curso, Asunción López Arranz e Esperanza Piñeiro, a delegada da Xunta, Martina Aneiros; o concelleiro ferrolán de Cultura José Antonio Ponte Far; a vicerreitora do Campus, Ana Ares, e a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz.

Posteriormente, o Secretario Xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, pronunciou a conferencia “Emigración e inmigración: dous puntais fundamentais sobre os que construír a Galicia do futuro” na que destacou a presenza de galegos na diáspora, máis de medio millón, e os programas de retorno de emigrantes cos que a Xunta pretende que regresen a Galicia 30.000 galegos entre 2023 e 2026.

Na intervención do almirante Juan Rodríguez Garat sobre “Xeopolítica, Seguridade e Migracións: Retos para ou século XXI”, o militar ferrolán, experto en xeopolítica internacional, apuntou que “a universidade é a mellor ferramenta para cambiar o mundo; as Forzas Armadas, a peor”. O almirante Garat sinalou a obrigación da Armada de rescatar aos inmigrantes que se atopen en perigo nas augas. Ademais, foi moi crítico coas políticas empregadas pola Unión Europea no ano 2015 tras a guerra de Siria, onde se buscaba frear ás mafias que traficaban coas persoas emigrantes.

Estas políticas, segundo palabras do propio Garat, resultaron ser un fracaso humanitario, pois se saldaron con máis de 4.000 mortos, e apuntou que esta situación foi un dos desencadeamentos para que ocorrese o Brexit en 2020. O militar sinalou que “as migracións non son o mal, senón un dos seus peores síntomas e, por tanto, o produto de moitas cousas que van mal”.

En canto ao tema da xeopolítica, o almirante destacou a invasión de Rusia a Ucraína, que cualificou como “un ataque frontal á Carta de Nacións Unidas”. Así, describiu a política actual como un retorno ao pasado. “O mundo volveu ao século XVI, cando os príncipes guerreiros utilizaban a guerra como empresa para conseguir poder interno empregando a mentira como arma”, afirmou.

Trump, Jinping e Putin

Garat puxo como exemplos desta situación a Donald Trump en Estados Unidos, Xi Jinping en China e Vladimir Putin en Rusia. Estes dous últimos, dixo, conseguirían establecer un réxime autoritario nos seus países, e o primeiro, está en busca diso. Sinalou así mesmo que as guerras producen migracións rápidas e descontroladas e que na actualidade hai 280 millóns de migrantes, dos cales só o 5% son demandantes de asilo.

Ao ser preguntado polo conflito entre Irán e Israel e a posibilidade dunha escalada do mesmo, o almirante ferrolán respondeu con tranquilidade: “O conflito non se detivo pola entrada de Trump, senón porque a Irán acabáronselle os mísiles e a Israel os brancos”, apuntou o relator. Nesa liña cualificou o risco de bombardeo dunha central nuclear como imposible: “Se se bombardea unha central nuclear, ábrese a caixa de Pandora, e ningunha volverá estar a salvo”.

A emigración na Galicia contemporánea e o Acompañamento Integral ás familias desde Cáritas, centraron os temas da tarde na primeira xornada do Curso Gurméndez

“As migracións na Historia contemporánea de Galicia: causas, protagonistas, destinos e consecuencias persoais, familiares e colectivas” centrou a conferencia do catedrático de Secundaria Raúl Sotelo, que debullou os factores e as consecuencias dun proceso demográfico que no país tivo un impacto fortísimo desde que no século XVIII comezaron estes movementos, nunha primeira fase a Portugal e a Brasil, despois ao resto de América e, xa no século XX a Europa. “A partir do Dezaoito impúxose ou capitalismo mercantil, coas beiras atlánticas unidas”, sinalou antes de poñer en valor que non só as remesas dinerarias que chegaron dos países de acollida, senón tamén as “inmateriais”, como as ideolóxicas.

Nese sentido, Soutelo considera que Castelao, cando dixo “Ao emigrar asumían que os novos ían marchar, así que querían que estivesen ben formados” porque os galegos “non protestamos, emigramos”, estaba “trabucado, e aí temos exemplos como o ferrolán Galego Soto, un dos instigadores das protestas obreiras que en 1921 concluíron co fusilamento de máis de 1.500 persoas. O profesor puxo de relevo que moitas das manifestacións foron “de ida e volta, tanto a nivel ideolóxico como tamén doutra natureza máis material, tal é ou caso dá arquitectura”.

Referiuse tamén ao legado das escolas de “indianos” que Risco criticara no seu momento por “desgaleguizadoras” pero que cumprían unha función clara. Os emigrados daban por feito que as novas xeracións haberían de seguir o mesmo camiño e, con ese obxectivo, fundáronse en centenares de parroquias escolas coa intención de que chegasen aos seus lugares de destino “o mellor preparados posible”. Por outra banda, Soutelo explicou que foron os factores políticos, como a independencia das nacións americanas ou a fase de reconstrución de Europa tras a Segunda Guerra Mundial as que están na orixe da demanda de man de obra da periferia, como Galicia.

O papel da muller neste proceso foi outro dos aspectos que abordou Soutelo e, como noutros momentos da conferencia, quixo desmontar algúns mitos, como o do matriarcado. “Non, Galicia non era tal; o que era é un patriarcado con homes ausentes”, aseverou.

Finalmente, a educadora social Patricia Filgueira e o animador sociocultural José Mª Bocanegra, conversaron sobre “Acompañamento Integral ás familias desde Cáritas”, na que analizaron o papel desta entidade en Ferrol na axuda a familias e mozos migrantes con diversos programa. O propio José Bocanegra narrou a súa peripecia persoal como inmigrante desde Colombia, os problemas que tivo en España e a súa rexeneración para axudar a outros nunha situación difícil como a que el padeceu.

Textos: Nicolás Vidal