“Retos das Migracións“ será o tema da 26ª edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez que terá lugar no Campus Industrial de Ferrol os días 2, 3 e 4 de xullo
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; e as directoras do curso Carlos Gurméndez, a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña (UDC), Asunción López Arranz, presentaron este xoves, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, a 26ª edición deste curso de pensamento e comunicación que terá lugar, os días 2, 3 e 4 de xullo, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol e que afondará nos principais Retos da Migracións.
Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, salientou o interese que esperta esta temática entre a comunidade universitaria e, en especial, entre o alumnado do grao en Relacións Internacionais, “unha titulación que naceu coa vocación de formar a profesionais que sexan quen de comprender e de intervir nas dinámicas globais da sociedade contemporánea”. Do mesmo xeito, explicou que, da súa vicerreitoría depende a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), un servizo que, entre outras moitas funcións, lle facilita o acceso á Universidade da Coruña (UDC) aos estudantes que residen en países en conflito ou se atopan nunha situación de refuxio.
Pola súa banda, a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz Sixto, gabouse de ter elixido, un ano máis, o Campus Industrial de Ferrol como sede deste curso de pensamento e comunicación, destacando o seu papel dinamizador e salientando “as boas novas” que día a día lle dá á cidade e á comarca tanto no eido da docencia coma no da investigación. Tamén se amosou moi satisfeita pola oportunidade de continuar codirixindo este curso, as profesoras Asunción López Arranz e a historiadora Esperanza Piñeiro.
A profesora Asunción López Arranz tomou a palabra para definir esta actividade como “un espazo de diálogo aberto e respectuoso no que compartir experiencias, coñecementos e propostas para afrontar os desafíos que presentan as migracións”.
Por último, a historiadora Esperanza Piñeiro, explicou que o curso dará comezo o mércores 2 de xullo, ás 10:00 horas, cunha apertura institucional seguida da conferencia do Secretario Xeral de Emigración, dependente da Consellaría de Emprego, Comercio e Migración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, que leva por título “Emigración e inmigración: dous puntais fundamentais sobre os que construír a Galicia do futuro”. Ao seu remate, intervirá o almirante retirado da Armada Juan Rodríguez Garat quen falará sobre xeopolítica, seguridade e migracións no século XXI.
Xa pola tarde, a partires das 16:30 horas, terá lugar a conferencia do catedrático de Xeografía e Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato Raúl Soutelo Vázquez e na que se afondará nas causas, nos protagonistas, nos destinos e nas consecuencias persoais, familiares e colectivas das migración na historia contemporánea de Galicia. Ao seu remate, dará comezo a palestra titulada “Acompañamento Integral ás familias desde Cáritas” na que participarán a educadora social Patricia Filgueira e o animador sociocultural José María Bocanegra.
Na xornada do xoves 3 de xullo intervirán a investigadora do Instituto de Estudios sobre Desarrollo y Cooperación Internacional (Hegoa) da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), Ivana Belén Ruíz-Estramil; o catedrático de Socioloxía na Universidade da Coruña (UDC) e integrante do Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), Antonio Izquierdo Escribano; e a investigadora do Centre Delàs d’Estudis per la Pau de Barcelona, Ainhoa Ruíz Benedicto. A maiores, ás 18:00 horas, Maquinarias Teatro representará a obra “Atrapadas”, dirixida por Cristina Mariño, Eugenia Sanmartín xunto Helga Méndez.
Por último, o venres 4 de xullo, a partires das 10:00 horas, terá lugar unha segunda palestra titulada “Migracións: Perspectiva sociopolítica e económica” na que participarán o exministro de Traballo e Inmigración na novena lexislatura baixo a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero, o economista Valeriano Gómez Sánchez; e o catedrático de Economía Aplicada na Universidad Autónoma de Madrid (UAM), Santos Miguel Ruesga Benito. As persoas interesadas en participar neste curso gratuíto terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a este email ou ben chamar ao 661 331 986 antes das 09:30 horas do mércores 2 de xullo.
As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. O curso conta coa homologación de 20 horas da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para o profesorado de ensino non universitario.