O Club de Prensa de Ferrol foi distinguido na XIII Gala Bianual da Asociación Sociocultural ASCM dos Premios "CARROS DE PLATA"
A Asociación SocioCultural ASCM, obsequiounos o sábado 2 de decembro coa XIII Gala bianual de “Carros de Plata”. Un convite a toda a sociedade para subir ao carro da inclusión que tivo dous cálidos e acolledores escenarios:o alón de actos de //Afundación e o restaurante de FIMO. Nos dous fomos acollidos coa alegría contaxiosa dos participantes nas actividades da ASCM, encantados co seu "Photo Call" que perpetúa as imaxes da festa.
Os sons de “La vida es bella”, rememorando a película de Roberto Benigni, coa que comezou a actuación da Agrupación Musical “Alegre Intermezzo”, grazas ao programa alicerce da Deputación da Coruña, converteuse no sentimento común de todas e todos os asistentes coñecedores das barreiras que teñen que padecer as persoas con distintas capacidades, e que grazas ao traballo de entidades como ASCM van sorteando.
Una festa da concordia e unidade á que asistiron o alcalde de Ferrol, a alcaldesa de Narón, a delegada territorial da Xunta de Galicia, concelleiros/as, e outras autoridades, ademais dos/as representantes das seis entidades distinguidas cos Carros de Plata e voluntarios/as de diversas asociacións como ASCM, e participantes de mesma que celebraron e acariñaron toda a Gala e especialmente festexaron á “Voluntaria del Año” Mari Luz García García. Tras a participación de Intermezzo, Paula Gárate de ASCM, dirixiuse aos asistentes facendo un percorrido pola historia da Asociación Sociocultural e da celebración da Gala Bianual dos Carros de Plata.
Posteriormente, anacos da fecunda historia da ASCM mostrados en breves vídeos, deron paso á entrega dos Carros de Plata á Cooperación, ao Campus Industrial Ferrol( UDC ); en Educación ao Centro Público Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol); en Sociedade á Avv Caranza, Cuco Ruiz de Cortázar; en Comunicación á nosa entidade, Club de Prensa de Ferrol; no campo da Empresa a BNI Albatros (Ferrolterra), e en Deportes á Tonecho Santiago (Kick Narón).
A Gala rematou coa intervención de Marcos Mella, coa fermosa canción "Dejará de llover", que foi coreada por todos os asistentes que encheron o escenario da festa que protagonizou toda a Gala, na que tamén a Asociación de Persoas Xordas de Ferrol, AXF colaborou na tarefa de derrubar barreiras auditivas.
O Club de Prensa de Ferrol, agradece a todos os colectivos que integran e arroupan a ASCM a súa consideración e atención as nosas actividades. Un Club de Prensa, que fundado o mesmo ano(1987) que ASCM, foi galardoado polo vídeo "Ferrol e o Camiño Inglés", un proxecto beneficiario do programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia e do que é autor Mario LLorca Loureiro. Nel se recolle a ruta do Camiño Inglés de Ferrol a Santiago, e se mostra a participación de persoas con discapacidade no percorrido do Camiño Inglés, desde Ferrol a Compostela.